
Os centros de atención a persoas maiores da provincia de Ourense do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pertencentes á rede de atención ás persoas maiores da Xunta de Galicia, continúan este verán cun amplo programa de actividades.
Así, en todos os centros celebrarase con actividades especiais o día de Galicia, o 25 de xullo (lembranza dos símbolos principais da Comunidade, música tradicional galega, faladoiro sobre a Catedral de Santiago…) Na maior parte dos concellos haberá festividades locais nos meses de verán, e nos centros celebraranse xornadas de convivencia entre persoas usuarias, familias e persoal: no centro de día de Maceda celebrarán a festa da Virxe das Neves o 7 de agosto; no centro de día de A Rúa participarán das festas de verán da localidade nos primeiros días de agosto; en Allariz o 10 de xullo celebrarán o patrón da localidade, San Benito, e a finais de agosto a festa da empanada; no Centro de día de Xinzo a festa de Santa Mariña o 17 de xullo e a festa do Esquecemento a finais de agosto e no Centro de día e Fogar Residencial de Vilar de Barrio celebrarán o San Fiz o día 1 de agosto.
Nestes meses tamén se dará prioridade e espazo as sesións de formacións, contando coa organización de charlas de envellecemento saudable por parte do Centro de día de Maceda, a cal terá lugar o 10 de agosto.
Así, as persoas usuarias dos centros de maiores continuarán sendo partícipes activamente da vida comunitaria, favorecendo a súa integración social e o seu benestar emocional mediante a participación en actividades festivas, culturais, recreativas e lúdicas que se desenvolven no ámbito local.
