A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense) é unha das entidades beneficiarias das subvencións concedidas pola Deputación Provincial de Ourense a entidades sociais sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de carácter social correspondentes ao ano 2026. A resolución definitiva destas axudas foi publicada o pasado venres 3 de xullo no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
ALCER Ourense recibiu unha subvención de 3.250 € para levar a cabo o programa ALCER Contigo (Programa de Orientación e Apoio Social na Enfermidade Renal Crónica), “unha achega que permitirá dar continuidade a este programa e seguir desenvolvendo o labor da entidade ao longo do ano, contribuíndo a cubrir parte dos gastos necesarios para a súa execución”, indica a entidade.
O programa ALCER Contigo abrangue diferentes accións dirixidas ás persoas con enfermidade renal crónica e ás súas familias, como o envío diario de información ás persoas socias, chamadas de apoio, o grupo de apoio Da túa man, visitas aos centros de diálise, a difusión de información a través das redes sociais, así como campañas de sensibilización e charlas informativas sobre a enfermidade renal crónica e a doazón de órganos.
Para ALCER Ourense, o apoio e a colaboración das administracións públicas son fundamentais, xa que estas subvencións fan posible manter o persoal contratado e continuar prestando os servizos de información, orientación e apoio que a entidade ofrece ás persoas con enfermidade renal crónica e ás súas familias.
ALCER Ourense é unha entidade de carácter sanitario e social, sen ánimo de lucro e declarada de utilidade pública, que desenvolve a súa actividade na provincia de Ourense desde o ano 1982. A asociación traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal crónica e das súas familias, ofrecendo apoio, información e orientación, así como promovendo a prevención da enfermidade renal e a doazón de órganos.

