OurenseÚltima hora

Calvo destaca no Parlamento galego a “axilidade da Xunta na activación dos recursos de emerxencia para atender as incidencias” polos arrastres do 17 de xuño na provincia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes dicía tamén que o Goberno galego continúa a traballar cos concellos para establecer canles de colaboración cos que axudar a sufragar os gastos de reparación dos danos rexistrados

O conselleira de Presidencia na súa intervención no Parlamento galego./ Cedida.

 

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacaba esta mañá no Parlamento de Galicia a “rápida resposta da Xunta ante as riadas provocadas polas chuvias rexistradas o pasado 17 de xuño”,  que causaron graves arrastres de superficies queimadas o pasado verán, afectando, principalmente, a concellos das provincias de Ourense. Asegurou que o Goberno galego “activou desde o primeiro momento todos os recursos de emerxencia necesarios para atender a máis dunha vintena de incidencias rexistradas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, onde se recibiron máis de 2.400 chamadas relacionadas con este fenómeno meteorolóxico”.

Nesta liña, puxo en valor o traballo do servizos de emerxencias mobilizados: persoal de conservación de estradas e brigadas de defensa contraincendios da Xunta, servizos de prevención e extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais (GES), agrupacións de voluntarios de Protección Civil, forzas e corpos de seguridade e brigadas de deputacións provinciais.

Estes efectivos encargáronse, dicía Diego Calvo, “de levar a cabo intervencións centradas na protección das persoas, o achique de auga en vivendas e locais, a retirada de árbores e sedimentos, a limpeza de vías e a apertura de accesos alternativos, así como no apoio aos concellos mediante maquinaria pesada para facer fronte aos danos”.

Ademais referíase aos traballos de reparación dos danos nun treito de 200 metros da OU-533, que une A Gudiña e A Rúa, no lugar de Pradocabalos (Viana do Bolo), onde se restableceu a circulación en 24 horas e se traballou na retirada dos materiais arrastrados polas chuvias no pontón desta estrada. De feito, xa remataron as tarefas de retirada nun dos lados do pontón e prevese que hoxe queden practicamente rematados os traballos, tal e como dicía.

Por outra parte, co obxectivo de avanzar na recuperación dos servizos e infraestruturas danadas, tras a reunión do pasado 29 de xuño cos concellos máis afectados e coas deputacións de Ourense e Lugo, a Xunta está a espera, “tal como se acordara, de recibir a valoración dos danos por parte dos municipios asistentes e así poder establecer canles de colaboración coas entidades locais para axudarlles a sufragar os gastos de reparación”.

Back to top button