Logo de estar en Valdeorras, visitando a localidade de Oulego, en pleno corazón da Serra da Enciña da Lastra, no concello de Rubiá, a Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía partía rumbo ao Folgoso do Courel (lugo), acompañada pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez e polo delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco, xunto a numerosas autoridades locais, provinciais e autonómicas.
Concretamente visitaba o lugar do Vilar, unha pequena aldea na Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel en cuxas inmediacións se localiza un souto emblemático con exemplares centenarios que tamén se viron alcanzados polo lume, o outro espazo protexido afectado por incendios forestais no que se levarán a cabo intervencións de restauración ambiental ao aveiro do convenio asinado entrea a Xunta de Galicia e a Fundación Reina Sofía que se executarán este ano, cun investimento total que supera os 170.000 euros.

No que atinxe á esta intervención, a Consellería Medio Ambiente e Cambio Climático e a Fundación Reina Sofía colaborarán na creación dunha masa mixta de frondosas nos arredores da aldea do Vilar. O obxectivo neste caso é dobre, xa que se restaurará un hábitat típico da zona (un souto) e se recuperará paisaxisticamente a contorna máis próxima ao lugar, protexendo á vez o núcleo de poboación ante eventuais incendios coa creación dunha franxa contigua de vexetación menos inflamable.
Na visita á localidade lucense, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López.

Na nova intervención en Folgoso vén complementar outras executadas pola Xunta nos últimos anos con fondos europeos e co obxectivo de avanzar na restauración ambiental da zona. Entre elas, destacan a rexeneración de bidueirais nunha extensión de 3,15 hectáreas no lugar de Vidallón, a actuación en 9 hectáreas de carballos e outras frondosas na parroquia de Visuña ou os traballos acometidos para recuperar o vigor dos castiñeiros no souto da Devesa, nunha superficie de 25 hectáreas.
Este souto foi a última parada da visita da Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía a Galicia.
