Na xornada deste xoves 9 de xullo o Campus Atlético de Madrid, que organizan a academia do club colchoneiro e a Asociación Deportiva Bosco Salesianos, coa colaboración da institución provincial, recibía a visita do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañado polo asesor de Deportes da Deputación, Enrique Álvarez.
Luis Menor coñeceu a través do presidente, xerente e coordinador deportivo desta asociación, Lupi Peña, Manuel Blanco e Soni Vázquez, respectivamente, os detalles deste campus, no que coa presenza de cinco adestradores, un específico para porteiros, participan máis de medio cento de rapaces, desenvolvendo ata o próximo sábado un completo programa de adestramentos específicos, actividades de tecnificación e de mellora individual.
O presidente provincial agradeceu ao Atlético de Madrid que “apostara unha vez máis pola provincia de Ourense para este tipo de programas”, lembrando que xa estiveron en ocasións anteriores en Viana do Bolo. Tamén tivo palabras de agradecemento para a asociación Bosco por “acoller e apostar por este campus”.
A Deputación, subliñou, “apoia de xeito firme este tipo de formación, que facilita aos xogadores máis novos o acceso a técnicos de primeiro nivel a través de importantísimos clubs como o Atlético de Madrid”, dixo, lembrando que tamén outros equipos escollen distinto puntos do territorio ourensán para estas actividades, como o RC Deportivo da Coruña en Muíños, o RC Celta de Vigo en moitos puntos da provincia ou o Real Madrid que vén de rematar o seu campus no Carballiño.
