
Obxectivo cumprido. O ano no que celebraba o X aniversario, o SilFest Valdeorras prometía ser especial e non defraudaba. “O que prometía, cumpríase, co cal estamos moi contentos”. Unha semana despois de dous intensos días de actividade variada, calor e música, moita e boa, chegaba o momento de facer balance e dende a organización téñeno claro. “Creo que foi o mellor ano en todos os aspectos, a pesar incluso da onda de calor, saíu todo redondo”, di Jorge Álvarez, promotor e director do festival valdeorrés xunto a José Carlos Vilor, destacando a afluencia de público. “Houbo máis xente de fóra que nunca, en total unhas 2.400 persoas máis ou menos, de todas partes. De feito houbo compras en 54 puntos de toda a Península e Canarias. Moito da Coruña, Vigo, Asturias, León, Santander, e Madrid, e despois de sitios moi dispares: do País Vasco, Estremadura, Andalucía, Alicante, Zaragoza,…”
Un éxito que vén precisamente do formato do SilFest. “Dentro dese vórtice festivaleiro, de festivais moi grandes e con carteis ás veces repetitivos, está habendo un cambio de tendencia e hai un sector do público que está indo cara outras cousas que é o que nós levamos vendendo os dez anos que temos detrás”, di Jorge, explicando que se trata de xente que busca unha alternativa, un plan máis slow, sosegado, sen colas nin aglomeracións.

“Polo que nos transmitiron, tanto presencialmente como en redes, a xente quedou alucinada porque atópase coa paraxe, o Malecón e o río ao seu paso polo Barco, e despois un cartel redondo no musical porque tivemos bandas moi solventes con directos memorables”, di Jorge, destacando o concerto de Morgan. “O que fixo o sábado pola noite teño que poñelo no top 3 de concertos que pasaron polo SilFest, e hai uns cantos, porque fixeron un bolazo”, di, coincidindo con José Carlos Vilor, para quen foi un “auténtico luxo”. José asegura que a xente que xa coñecía á banda desfrutou e quen non quedou marabillado. “A súa actuación para min foi o mellor”, insiste, recoñecendo que xa os escoitara varias veces pero neste caso influíu tamén o seu comportamento. “Moitas bandas con certo renome veñen, tocan e marchan, e neste caso quedaron ata o final porque se atoparon cómodos co público e tamén houbo moi bo ambiente entre os grupos. O momento Morgan con ese son á beira do río, rodeado dun público entregado e desfrutando, para nós como promotores do festival, foi especial”.
A valoración en xeral é moi boa. “Creo que estamos moi consolidados e temos moi clara a dirección, xa que estamos conseguindo o que buscamos, porque ao final tamén se trata de dinamizar o territorio, explotar un pouco ese turismo cultural que está aí, con cal o balance é moi positivo”, di Jorge, ao que José Carlos engade que ano a ano vai crecendo, pouco a pouco, e iso xa moito, porque “somos un festival pequeno pero están cancelándose moitos por toda a xeografía, porque perden público ou non cumpren expectativas. Nós, nese sentido estamos satisfeitos”, asegura José.

Unha gran X edición como recompensa a meses de traballo. “Para esta edición comezamos en setembro, de feito os artistas xa estaban pechados en outubro; polo que son moitos meses de oficina, de correos electrónicos, de chamadas e tamén moito traballo os días previos e durante”, explican dende a dirección, recoñecendo que parte do éxito reside en contar cun equipo humano moi solvente, logrando algo que non é doado, unha gran conexión. “Moitos levamos xa anos traballado xuntos, xente de montaxe, de son, os do Mini SilFest,… ao final todos nos coñecemos e engádese ese compoñente humano, moi romántico, como me gusta chamalo a min, e iso tamén se nota, porque ese trato que temos entre traballadores e organización transmítese aos usuarios, hai un trato moi cercano que nun evento grande non tes”, di Jorge, a pesar de ser moita xente.
Hai un equipo xa dende o principio onde están José Carlos e Jorge como directores, Vanesa en produción, Ari en hospitalidade, Patricia en produción técnica, este ano catro persoas en comunicación, Alba Lameiro na gráfica… “Uns dez e no propio evento somos preto de 50 directos e despois xa se sumamos empresas externas, artistas, superan os 120”, explican, destacando que este foi o ano que máis xente tiveron no backstage, entre técnicos, artistas, carga e descarga, managers, toda a parte que non se vei, detrás do escenario. “Ao final o festival foi collendo unha magnitude e profesionalización dun xeito natural e orgánica, fomos crecendo pouco a pouco, obviamente o presuposto que manexamos hoxe non ten nada que ver coa primeira edición feita en plan entre amigos, agora temos un equipo de xente que traballa con nós e iso tamén é positivo ademais de xerar unha economía ao redor, porque cónstanos que no Barco e arredores non había prazas hoteleiras libres esa fin de semana”.

A parte menos positiva ou que máis segue custando é conseguir público de Valdeorras. “Non sei a porcentaxe exacta pero penso que podemos estar entre o 60% de fóra e o 40% de público local. Están os fieis, os silfesteiros que levan anos aí e compran a experiencia e o plan que vende o Silfest case sen importarlles quen vén a tocar; e despois están os indecisos de última hora, pero notamos que si custa, esa é a realidade”, di Jorge, en consonancia con José para quen o éxito de público de fóra contraponse a xente de casa non responda tan ben. “O feito de ter un festival así no Barco é un auténtico luxo e estaría ben que máis xente o apoiara”, di José ao que Jorge engade que “convencer a certo público de Valdeorras a que se anime a descubrir bandas e darlle unha oportunidade ao SilFest é quizais a parte que nos queda”.
Agora é tempo de descansar porque a pesar de estar moi contentos e o balance ser moi bo, o desgaste é grande e necesitan unhas semanas de parón e desconexión, deixar repousar esta edición para, despois do verán e xa con calma, facer unha valoración global para decidir sobre o futuro. “Custou moito chegar ata aquí, cremos que estamos nunha moi boa posición pero a día de hoxe non sabemos que pasará no 2027″, conclúen.
Fotos: Carlos G. Hervella.
