
Dentro dun mes, o próximo 12 de agosto, terá lugar a primeira eclipse total de Sol visible en España en case un século. Na provincia de Ourense, a comarca de Valdeorras, especialmente a contorna dos municipios do Barco e Rubiá, ofrecerá algunhas das mellores condicións para contemplalo. “Desde o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense animamos á cidadaníá desfrutar dun acontecemento astronómico excepcional, lembrando que unha protección ocular adecuada é a mellor garantía para contemplalo con certeza”, apunta a vogal de Óptica, Oftálmica e Optometría e Acústica da entidade colexial, Társila Nóvoa.
Neste sentido, Nóvoa traslada aos cidadáns recomendacións do Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos para observar a eclipse con protección. “Non seguir estas pautas pode provocar retinopatía solar, unha lesión na retina que pode ocasionar visión borrosa, alteración da percepción das cores, manchas no campo visual e, mesmo, danos permanentes”, advirte.
Nóvoa incide en que as lentes de sol convencionais non protexen fronte á radiación solar directa, aínda que sexan moi escuras. Para observar unha eclipse é imprescindible utilizar lentes homologadas que cumpran a norma ISO 12312-2:2015, identificadas coa marcado CE, o nome do fabricante e as correspondentes instrucións de uso, dispoñibles en farmacias e oúpticas.
Tamén recomenda revisar as lentes antes de utilizalas “para comprobar que non presentan arañazos, engurras ou perforacións, colocalas antes de dirixir a mirada ao sol e realizar observacións durante períodos breves, alternándoos con descansos”. Do mesmo xeito -indica- “deben retirarse únicamente despois de apartar a vista do sol ou virar a cabeza”.
Telescopios, prismáticos ou lentes de cámaras
A vogal do COF de Ourense lembra, ademais, que nunca deben utilizarse as lentes de eclipse para mirar a través de telescopios, prismáticos ou lentes de cámaras, xa que a concentración de luz pode dañar o filtro e provocar lesións oculares.
Así mesmo, advirte de que non son seguros materiais como as lentes de sol convencionais, radiografías, cristais afumados, negativos fotográficos, filtros polarizados ou discos compactos (CD), xa que ningún deles bloquea adecuadamente a radiación ultravioletas e infravermella.
Por último, aconsella extremar a precaución en nenos e adolescentes, persoas operadas de cataratas e quen estean en tratamento con medicamentos fotosensibilizantes, ao tratarse de colectivos especialmente sensibles.
