Era moito máis que a presentación dun libro. Supoñía a vivencia de primeiros encontros, pero tamén de reencontros, entrelazados ao longo de décadas, con historias compartidas. E tamén implicaba pechar un ciclo, un proxecto moi persoal e vital que Sonia Moral Álvarez principiaba da man do seu pai, Baltasar “Paro”, cinco anos atrás para loitar contra o esquecemento e pola vida.
Por iso, e moito máis, a presentación nesta tarde de 11 de xullo de “La tableta de chocolate. Una vida de resistencia” na Aira do Fondo de Soulecín (O Barco), a aldea na que naceu e seu criou Baltasar, resultaba tan especial, emocionante e emotiva. E malia que o protagonista deste proxecto e desta historia non estaba fisicamente, posto que falecía en maio pasado, si esta moi presente neste encontro, no que ademais, unha fotografía súa acompañaba á súa filla na mes.
“Este encontro une literatura, memoria e patrimonio, tres valores que forman parte da identidade de Soulecín”, dicía Ángel Álvarez, representante da asociación cultural da localidade, quen abría a presentación, na que a autora de “La tableta de chocolate” estaba acompañada polo investigador berciano Santiago Macías, ademais de por numerosos veciños e pola súa familia. Ademais, Álvarez lembraba como Sonia, “escritora vocacional”, dedídase dende hai anos a “investigar e rescatar historias familiares, convertendo a memoria nun legado vivo”. Citaba os seus tres libros anteriores e incidía en que neste cuarto, “La tableta de chocolate”, “ofrece un relato íntimo e emocionante que nos convida a mirar ao pasado para comprender mellor quen somos”.

Deseguido daba paso a Santiago Macías, escritor e investigador, quen falaba da súa vinculación con Soulecín, xurdida a raíz do seu labor de recuperación da memoria das vítimas e represaliados pola ditadura franquista. Tamén se refería á súa relación con Sonia e ao seu proxecto.
Finalmente, a escritora tomaba a palabra para, en primeiro lugar, agradecer o apoio e a presenza neste acto, cunha referencia especial para a asociación cultural e para Ángel, polo seu traballo na organización do mesmo. Deseguido explicaba o sentido deste libro e resaltaba que se trata dunha homenaxe aos devanceiros, “grazas a esas persoas estamos aquí e merecen ser dalgún xeito recordadas e darlle o lugar que lle corresponde”.
E, nese senso, rendíalle homenaxe “á persoa que fixo posible que “La tableta de chocolate” chegase a este punto, falo dunha persoa coa planifiquei todo, e coa cal construín pontes cando antes había muros. Unha persoa que tiña ilusión por vivir o día de hoxe, por ver aos seus veciños e amigos da alma, pero o destino quixo que o 5 de maio collese un billete e se fora para sempre, falo do meu pai, de Baltasar Moral, de Paro”. A partir de aí, lembraba como tras unha operación por un problema vascular, sufría unha demencia, que lle levaba boa parte dos seus recordos.
E para salvar dalgún xeito ao seu pai “daquelas areas movedizas, daquel pozo sen fondo no que estaba entrando e só se me ocorreu unha única maneira: escribir sobre os recordos da infancia, do seu pobo querido, das súas montañas verdes, dos seus ríos, das súas xentes e costumes, de todos os seus… coas súas amarguras e dozuras”.

libro que agora vén de luz, matizaba a autora, “non é só unha historia contada de datas e sucesos, tamén vai ser pola miña banda, unha homenaxe a todas as persoas que estean pasando polo mesmo e, onde agardo que tanto eles como os seus coidadores, poidan ser capaces de ver que a escuridade tamén ten luz”.

Chega así ao seu fin unha viaxe de cinco anos, na cal tentaba involucrar activamente ao seu pai en todo o que puido, no mundo da investigación, entrevistas e documentación. “Estou segura ao cen por cen que calquera persoa que lea este libro sentirase tan identificada e decatarase de que Paro pode ser calquera”.
O acto concluía cun diálogo entre os dous intervintes e coa sinatura de libros por parte da autora.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.

