
A primeira hora da mañá deste luns 13 de xullo os servizos de emerxencia recataban a un traballador que caera ao interior dun pozo duns 20 metros de profundidade mentres realizaba labores de reforma nun local situado na praza da Magdalena, no concello de Ribadavia.
Tal como indican dende o 112 Galicia a alerta rexistrábase arredor das 9 horas, “momento no que un compañeiro do afectado contactou co CIAE para pedir axuda urxente, indicando que o operario caera ao interior da cavidade e que, aínda que permanecía consciente, queixábase dun golpe nun nocello”.
Con esta infromación, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pasaban aviso aos Bombeiros do Carballiño, ao GES de Ribadavia, á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade, ademais de informar ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. “Unha vez no punto, os equipos de emerxencia comprobaron a dificultade do acceso debido á profundidade á que se atopaba o ferido, polo que tiveron que despregar un sistema de cordas e un triángulo de evacuación para poder izalo con seguridade ata a superficie”, explican dende o 112.
Tras completar o rescate, o traballador era trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia para a recibir atención sanitaria.
