A aldea de Os Anguieiros (parroquia de Montefurado e concello de Quiroga), prepárase para a celebración da Madalena, os días 18 e 19 de xullo. “Unha humilde pero animada programación (cun cartel deseñado pola ilustradora Laura Maquieira, gañadora nunha ocasión do Concurso de Carteis das Festas de Quiroga) para festexar un encontro veciñal e honrar a María Madalena uns días antes xa que o día propio é o 22 e cae entre semana”, explican dende a organización, a Asociación Boca do Monte, destacando dentro da programación, “ampla e para todos os públicos”, o Concurso de Madalenas, recuperado o ano pasado nun intento de ir dándolle máis relevancia, e o Campionato de Bolos Celtas que este ano chega á súa XIV edición nun ano ademais no que este xogo foi recoñecido como Ben de Interese Cultural.
Os actos comezarán o sábado 18 ás 8:30h. coa Camiñada da Madalena que sairá dende a Igrexa de Montefurado, pasará por Vilaster e volverá a Montefurado despois de percorrer uns 10 km en pleno Camiño de Inverno; e ás 19h. haberá xogos populares para a cativada (chave, bolos, o pano, corda…).

De 21 a 23h. haberá unha merenda popular e serán musical a cargo do grupo de música tradicional Merenzao, dentro do Programa Traguigalu de Vicepresidencia da Deputación de Lugo. E entre medias, ás 22h. será a entrega de premios do Concurso de Madalenas.
E xa o domingo 19, ás 10h. comezará o XIV Campionato de Bolos Celtas con premios para os 4 mellores, masculino e feminino, coa entrega de premios prevista para as 12:30h. con alborada a cargo do grupo de
música tradicional Abertal.
Ás 13:15h. haberá misa e procesión e cara as 14h. un aperitivo popular con sesión vermú a cargo de Abertal.

BASES CATA-CONCURSO DE MADALENAS
Inscrición: Dende as 16h ata as 19h do sábado 18 de xullo na mesma aldea dos Anguieiros. Unha persoa da organización recollerá as elaboracións.
Entrega: mínimo 6 madalenas metidas dentro dun recipiente desbotable e dentro poñer o nome da persoa participante. Avisar tamén se levan froitos secos, gluten ou otros alérxenos.
Xurado: Natalia Abad, Yolanda Fernández, Manuela Martínez. Tres persoas da organización que non concursan. Recolle Josefina Martinez (Na súa casa, preto da entrada da adea). Este xurado valorará sabor, presentación e orixinalidade.
Premio: O/a gañador/a levará como premio unha cesta variada de produtos locais. Ás 22h darase a coñecer o nome do ou da afortunada no transcurso da merenda popular e entregaráselle o premio. As madalenas entregadas a consurso sobrantes poderán ser logo degustadas pola xente asistente.

Fotos da galería: Fernando Maestro.
