
A Deputación xunto a AJE Ourense e Mobify presentan un servizo de mobilidade sostible para coñecer a Ribeira Sacra, unha iniciativa que poñerá a funcionar unha frota de 80 vehículos eléctricos que conectarán de forma directa a estación do AVE de Ourense co corazón desta icónica zona ourensán.
O presidente provincial, Luis Menor participou hoxe xunto á vicepresidenta primeira, Marta Nóvoa, na estación intermodal de Ourense, na presentación do proxecto EMICOU (Estratexia de Mobilidade Intelixente Conectada de Ourense) que encarna as “liñas estratéxicas” do desenvolvemento turístico da Deputación: un turismo respectuoso co medio ambiente, non masivo e de máxima calidade. No acto de presentación tamén participaron a presidenta de AJE Ourense, Noelia Rodríguez; e a directora de operacións de Mobify, Nuria Iglesias.
Este proxecto pioneiro, que aspira a ser “unha solución integral”, dixo Menor, converterá á provincia nun referente europeo en mobilidade “zero emisións”, ao tempo que revolucionará o modelo turístico e de transporte no medio rural. Neste sentido, Menor destacou a esencia ourensá desta iniciativa que se “fai para Ourense desde Ourense” poñendo de manifesto “o enorme talento que temos na nosa provincia”.
A iniciativa responde a un triplo éxito histórico no territorio: o freo á sangría demográfica con ganancia de poboación segundo os últimos datos do INE, o crecemento exponencial do turismo e o camiño cara ao recoñecemento pola UNESCO da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Centro de visitantes
Como medida complementaria, a Deputación de Ourense estuda a implantación dun gran centro de reunión de visitantes no concello do Pereiro de Aguiar, situado na entrada da Ribeira Sacra ourensá. Este espazo servirá para canalizar o tráfico particular e ordenar os fluxos de acceso cara a transportes colectivos ou vehículos eléctricos autorizados, evitando saturacións en zonas de alto valor ecolóxico.
A presidenta de AJE Ourense explicou que este “proxecto ambicioso” tamén contribuirá na “fixación de poboación, no turismo de calidade e na aposta de oportunidades para a xente que vive no rural”. Afirmou que esta iniciativa “pode transformar a maneira de moverse en Ourense” porque, segundo ela dixo, “o futuro da provincia non se constrúe só na cidade, senón en cada recuncho do noso territorio”.
Pola súa parte, Nuria Iglesias dixo que este proxecto aborda unha realidade de “gran complexidade”: conectar un “territorio extenso” onde conectar cada recuncho é “fundamental para o desenvolvemento do mesmo”. Polo tanto, EMICOU transforma cunha solución “clara, sostible e eficaz e a longo prazo”.
“Ribeira Sacra Conecta” soluciona a fenda de mobilidade que existía para os viaxeiros que chegan á estación do AVE de Ourense. A partir de agora, establécese unha conexión directa grazas a unha frota intelixente de 80 vehículos.
A xestión do servizo realizarase mediante unha plataforma multidispositivo contrastada que permite a reserva, apertura e peche da flota sen chaves físicas, eliminando barreiras dixitais. A través da monitorización en tempo real e grazas á xeolocalización avanzada 24/7, optimizaranse as rutas e reordenaranse as frotas de xeito algorítmico.
A nivel técnico, o deseño prevé unha integración estética respectuosa co contorno monumental e a implantación de puntos de entrega e recollida en zonas optimizadas.
Mobilidade sostible todo o ano
O presidente provincial explicou que este servizo, pensado inicialmente para o ámbito turístico, poderá converterse nunha “infraestrutura viable” os 365 días do ano grazas ao tecido empresarial e emprendedor do rural. Neste sentido, Menor fixo alusión a que serán os profesionais locais os que empreguen diariamente este servizo para poder moverse aos seus postos de traballo atopando nesta fórmula de pago por uso “o mellor aliado para reducir os seus custos”.
A través de este tipo fórmulas innovadoras de colaboración público-privada, contribúese a crear emprego local cualificado en loxística, tecnoloxía e mantemento; un emprego non deslocalizable que axuda a fixar comunidade no rural, engadiu o presidente provincial.
