
A creación coreográfica contemporánea chegará mañá mércores 15 de xullo a Ourense no marco de ‘Danza non Camiño’. O festival itinerante, que celebra este ano a súa oitava edición, recala por vez primeira na capital ourensá para achegar ao público tres obras que fusionan danza, historia e patrimonio. Será a partir das 20:30 horas na chaira do Arquivo Histórico Provincial.
Os espectadores poderán desfrutar de tres pezas que asinan salientables coreógrafos e compañías de Taiwan, Italia, Costa Rica e España. As creacións son Oeso | Miscanthus, do creador taiwanés Taboeh a ’Oebay Tataysi; Esquéceme, montaxe que asinan os italianos Giovanni Leonarduzzi e Lia Claudi Latini, compoñentes da Cía. Bellanda; e Apenas, unha peza do coreógrafo costarriqueño Adrián Arriaga en colaboración coa compañía SóLODOS, que forman Erick Jiménez e Maruxa Salas. Tres pezas concibidas para espazos non convencionais que dialogan co tránsito, a identidade, a memoria, a natureza e as relacións humanas a través de linguaxes coreográficas heteroxéneas.

Oeso | Miscanthus, do taiwanés Taboeh a ‘Oebay Tataysi’, toma como punto de partida a imaxe da herba de prata para establecer un paralelismo coa figura do peregrino do Camino de Santiago. A peza expón unha reflexión sobre a flexibilidade e a firmeza, a contención e o respecto, propoñendo o tránsito como unha práctica tanto corporal como espiritual. A través do movemento dos intérpretes Pin Yi Kuo, Lin Jia-Jhen e Uegaki Akane, o corpo transfórmase en metáfora de resistencia e adaptación, nun percorrido que invita a desprenderse do superfluo e regresar ao esencial.
Desde Italia chegará Esquéceme, unha creación de Giovanni Leonarduzzi e Lia Claudi Latini para Cia Bellanda. O dúo sitúa no centro a verdade do corpo fronte á elocuencia verbal, construíndo unha atmosfera que se move entre a vixilia e a alucinación e na que dous personaxes atravesan unha relación marcada pola obsesión amorosa, o desexo de control e a dependencia emocional.

Completa a selección Apenas, obra do coreógrafo Adrián Arriaga en colaboración con Erick Jiménez e Maruxa Salas, membros de Sólodos, e co apoio do Centro Cultural Español en Costa Rica. Inspirado nos singulares valores históricos e espirituais do Camino de Santiago, o espectáculo explora a figura do peregrino a partir dun elemento central, a mochila, entendida non só como obxecto físico, senón como contedor de memoria, identidade e transformación. A presenza sonora da campá acompaña o tránsito do bailarín Adrián Arriaga nun só que fala da viaxe como chamada, guía e recordatorio do paso do tempo e onde converxen a fe, o esforzo e o desprendemento.
