ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

A neta dos Gaite

Artigo de Lois Pardo sobre a escritora Carmen Martín Gaite e a súa vinculación coa provincia de Ourense

Carminha en Pinhor. Foto de 1946.

 

 

Non ti ho fatto né celeste né terreno, né mortale né immortale,

perché di te stesso quasi libero e sovrano artefice ti plasmassi

e ti scolpissi nella forma che avresti prescelto

Giovanni Pico della Mirandola

 

No ano 2003, no marco dumha conferencia celebrada no Nexus Institute de Amsterdam, George Steiner reflexionaba sobre a identidade europea como umha realidade sempre en construción, atravesada pola tentativa histórica de constituír un espazo político común. Articulada arredor de cinco axiomas, a súa formulación falaba dumha sociedade herdeira da filosofía de Atenas e da espiritualidade de Xerusalén, asentada sobre un territorio concibido a escala humana, entretecido por rueiros cargados de memoria e urdido arredor de tantos cafés que nos permitirían atravesalo de tertulia en tertulia, sen abandonar nunca de todo a conversa.

Cafés mimetizados en espazos de encontro, de conversa e de relato onde a cultura deixa de ser algo abstracto para se converter en experiencia compartida. E tanto ten se falamos do Novelty salmantino ou do café Manuela en Malasanha (ambos frecuentados pola nosa Carminha en distintos momentos da súa vida). Tanto ten que pensemos no madrilenho Café Gijón (onde Carmen Martín Gaite acadou o seu primeiro galardón por El balneario), na Bilbaína (en plena rúa do Paseo ourensán, perfectamente recreada por Arturo Baltar nun dos seus retablos) ou no Regueiro, en San Lourenzo de Pinhor. Todos eles configuran ese mapa íntimo a través dumha rede de relacións que define a esencia mesma do vello continente. En palabras do propio Steiner, Europa é aquel lugar onde ao caminhante “nunca lle parece estar moi lonxe do campanario da próxima aldea1, facendo alusión á escala humana e transitábel das distancias europeas.

Nos bosques pénsase moi ben”2, recomendáballe á Sara Allen aquela alter-ego de Carminha convertida en espírito da Estatua da Liberdade. Miss Lunatic parecía encarnar, dalgún xeito, a figura baudelariana do flâneur, ese paseante lúcido que se despraza por rúas e caminhos facendo da multitude o seu elemento, “como o ar para os paxaros e a auga para os peixes3. Un concepto revisado posteriormente por Anna María Iglesia -e talvez máis acaído para a filla de dona Marieta4– que reivindica a figura da fneuse non só como paseante, senón tamén como umha voz pública que “apropiándose das rúas e do espazo público, propón un contra-relato, contesta o discurso ou en palabras do escritor e ensaísta Marcelo Cohen, cuestiona o discurso de Estado, o discurso que conforma o todo social5.

En Manhattan ou na Pipileira, no Campo de Roma ou en Malasanha, no pazo de Louredo ou no Horto de Calisto e Melibea, “facéndose umha soa carne coa multitude”e construíndo desde a súa ollada un diálogo constante entre o íntimo e o colectivo, entre a memoria persoal e a historia compartida, a través de rúas nas que perviven os ombros de xigantes sobre os que caminhamos cada día. Xigantes da ciencia, xigantes da filantropía, xigantes da acción social, xigantes da Literatura e das artes entre quen a propia Carmen Martín Gaite ocupa xa un lugar destacado, como umha xigante universal á que debemos lembrar, respectar e celebrar.

Martín Gaite ven para nos lembrar o noso pasado como faro cultural de potente luz, tanto para o resto do país como do continente. E é que vivimos nun dos territorios con maior presenza de arte románica en Europa, un feito que -en por si- xa debera de nos facer pensar nun pobo culto e cultivado en plena Idade Media. Umha cidade na que agromou a Ourense do Rexurdimento, con Curros Enríquez, Filomena Dato ou Lamas Carvajal; a Ourense de Nós, con Cuevillas, Risco ou Otero Pedraio; a Ourense cinematográfica, con Antonio Román, Carlos Velo ou Xosé Suárez; a Ourense do Volter, con Quessada, Acisclo ou Buciños; a Ourense da moda, con Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Purificación García… Moitas ourenses que semellan reclamarnos -desde o fondo da memoria colectiva- maior pensamento crítico e umha relación máis fonda coa cultura e coa memoria, afastada da velocidade, da banalización e do ruído, que tantas veces acaba convertendo a opinión en consigna e o pensamento en espectáculo.

 

Carmen Martin Gaite com María Gaite e José Martín.

 

 

E non é casual que sexa precisamente umha familia ourensana a que nos devolva esa conciencia, porque os “nosos” Gaite non eran alleos ao pulso intelectual da vella Auria. O bisavó Joaquín Gaite Núñez, chegado a Ourense no ano 1859, foi catedrático e director do Instituto, amais de dirixir El Orensano, un dos xornais que axudaron a articular a vida pública da cidade naquela altura. O tío-avó Antonio Gaite Lloves -catedrático, farmacéutico e meteorólogo- representa ben ese tipo de intelectual decimonónico para quen o saber era, ao mesmo tempo, compromiso cívico e xeito de vida. Presidente do comité pro-ferrocarril e vicepresidente do Ateneo fundado canda Marcelo Macías, a súa figura exemplifica un xeito de entender a cultura estreitamente vinculado á vida pública. O avó Francisco Javier Gaite Lloves, membro activo da Asociación Regionalista gallega, chegou a formar parte da Corporación municipal ourensá. O seu tío materno Joaquín Gaite Veloso —avogado, catedrático e presidente da agrupación socialista de Ciudad Rodrigo— foi fusilado en Salamanca tras o Golpe do 36, lembrándonos o alto prezo que tantas veces tivemos que pagar por pensar libremente. E se afondamos un pouco na árbore xenealóxica, aínda han aparecer, latexando en distintas pólas, nomes como os de Alejandro Pérez Lugín, Rosalía de Castro ou Ramón Cabanillas. Un substrato que -talvez- non foi alleo á formación da escritora, como tampouco o foran as tardes na biblioteca do pai, José Martín López, notario salmantino de ideas progresistas e lector apaixonado, que exerceu como primeiro mestre das súas fillas Carminha e Anita, diminutivos que as dúas irmás continuaron empregando até os seus pasamentos e que tanto revelan sobre a intimidade das súas identidades. Aínda que a influencia máis fonda talvez deberiamos procurala na nai, María Gaite Veloso, umha muller que “estaba moito máis aló, nese alén ilocalizábel onde precisamente ponhen proa os ollos de todas as mulleres do mundo cando miran por umha xanela convertíndoa en punto de embarque, en plataforma, en alfombra máxica desde onde se fan invisíbeis para fugarse6. Así, entre o fogar salmantino e os veráns na finca de Pinhor, foi tomando forma esa sensibilidade especialmente atenta á memoria, á narración e ao diálogo.

 

Anos 40 – Carminha em Pinhor.

 

Desde o ano 2008, o ourensán David González Couso7 vén afondando na figura e no universo literario de Carmen Martín Gaite, contribuíndo de maneira decisiva a iluminar os vínculos da autora con Ourense e, moi especialmente, con San Lourenzo de Pinhor. A través da investigación ou das súas conversas con Anita Martín Gaite, González Couso foi tecendo un relato que nos permite comprender mellor a fonda pegada que a matria deixou na escritora. Un labor discreto, constante e rigoroso que ten contribuído a converter Pinhor nun verdadeiro lugar literario, incorporándoo a ese mapa emocional onde a memoria, a paisaxe e a literatura continúan dialogando entre si.8

E non se trata só dumha cuestión biográfica, senón dun xeito de entender o mundo. A memoria familiar, os espazos habitados ou os relatos transmitidos de xeración en xeración, convértense en materia literaria e, ao mesmo tempo, en ferramentas de interpretación da realidade. O particular transubstánciase en universal e os feitos vividos no cuarto de atrás da casa ou numha tarde de xogos enriba das penas de Ousande, regresan transformados en linguaxe capaz de interpelar a calquera lector en calquera rincón do planeta.

As candeas dos castinheiros alumeando os campos e presidindo os primeiros segredos da adolescente; os toxos en flor e o recendo a terpeno naquela tardes de verán nas que o sol se fundía co Trimonte9; o silencio das augas do Minho desde a cima do monte Erbedelo; o canto dos paxaros… sempre o mesmo e sempre distinto.

Umha paisaxe que Carminha levou dentro toda a vida e que -como boa flâneuse– interpretou, cuestionou e reescribiu, devolvéndonola convertida en Literatura a través das páxinas de Retahílas, Las ataduras ou El pastel del diablo. E talvez por todo isto, o mellor xeito de achegármonos ao seu universo sexa refuxiarnos na illa segreda de Bergai10 ou acompanharmos á pequena á Sara Allen na procura da Liberdade polas rúas de Manhattan. Introducir umha moeda na ranhura dun vello poste cabo dun sumidoiro calquera e berrar “Miranfú!“, antes de estender ben os brazos e deixármonos sorber por umha corrente de ar temperado que ha de nos levar cara ese cuarto de atrás onde a memoria e a fantasía aínda conservan intacta a súa capacidade de resistencia11.

Texto: lois pardo

Fotos: “Arquivo Carmen Martín Gaite. Biblioteca de Castilla y León”.

 

NOTAS

1 Steiner, G. (2005). La idea de Europa. Ediciones Siruela.

2 Martín Gaite, C. (1990). Caperucita en Manhattan. Ediciones Siruela.

3 Baudelaire, C. (1863). El pintor de la vida moderna. Alianza editorial.

4 María Gaite Veloso (Marieta), nai de Carmen Martín Gaite.

5 Iglesia, A. M. (2019). La revolución de las flâneuses. Wunderkammer.

6 Martín Gaite, C. (1987). Desde la ventana (relato De su ventana a la mía). Ed. Espasa-Calpe.

7 Investigador ourensán, autor de Los perfiles gallegos de Carmen Martín Gaite (2008, Procompal pub.); O fío da escritura (2010, Toxosoutos) ou Piñor, lugar literario (2023, Procompal pub.)

8 Froito deste traballo nace o paseo literario que cada ano percorre os espazos martin-gaiteanos

da parroquia de San Lourenzo de Pinhor (Barbadás).

9 González Couso, D. (2020). El rastro del verano. Procompal Publicaciones. “Trimonte, trasunto literario del triángulo mágino que comrpende el espacio albergado entre las localizaciones reales de Ousande, Ervedelo y Santa Ladaíña

10 A illa de Bergai é un espazo imaxinario creado por Carmen Martín Gaite e a súa amiga Sofía Bermejo (o nome nacería da unión de Ber-mejo e Gai-te). En El cuarto de atrás funciona como un refuxio simbólico fronte á escaseza e á opresión da posguerra, ao tempo que representa o poder da fantasía e da literatura como evasión, un territorio interior onde a memoria e a imaxinación permiten resistir á realidade.

11 O remate deste artigo dialoga libremente cos parágrafos finais de Caperucita en Manhattan (1990), de Carmen Martín Gaite.

 

 

Back to top button