PolíticaÚltima horaVídeos

O deputado do BNG no Congreso visita Pradocabalos (Viana) e fala de incumprimento das actuacións de restauración ambiental tras os incendios

 

Ata Pradocabalos (Viana do Bolo) desprazábase esta mañá o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen se refería á “falta de execución dos traballos de restauración ambiental comprometidos após os lumes da pasada época estival”. Sinalaba que os incendios do verán de 2025 calcinaron arredor de 3.000 hectáreas no municipio de Viana do Bolo, afectando aos montes comunais de Pradocabalos, O Castro, Pixeiros, A Bouza, Vilardemilo e Vilaseco. Segundo deputado nacionalista, a “desaparición da cobertura vexetal deixou o territorio completamente exposto á erosión, circunstancia que favoreceu que as intensas choivas provocasen importantes arrastres de terra, pedras, cinzas e restos vexetais cara aos regatos e ao encoro do Bao, ocasionando danos en camiños, infraestruturas, explotacións agrarias e propiedades particulares”.

 

 

 

O deputado do BNG no Congreso pedía explicacións á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ao Goberno do Estado, sobre a ausencia destes traballo e exixía “a execución inmediata dun plan urxente de restauración hidrolóxico-forestal e recuperación ambiental das zonas afectadas”.

 

 

Rego estaba acompañado por concelleiros do BNG en Viana, entre eles Secundino Fernández, que tamén e deputado galego, e falaba de que a “inacción non foi só da Confederación Hidrográfica. A Xunta da Galiza tampouco asumiu as súas competencias nin executou os traballos necesarios após os incendios forestais para retirar madeira queimada, restos vexetais e outros materiais que acabaron sendo arrastrados polas choivas”.

 

 

Fernández critica que “o Goberno galego abandonou os montes despois dos incendios, sen impulsar unha verdadeira restauración ambiental nin adoptar medidas preventivas que limitasen a erosión e os arrastres. Esa falta de actuación tivo consecuencias evidentes para os núcleos de poboación situados augas abaixo”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button