
A Xunta publica hoxe no Portal de contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 681.835 euros, da subministración de material funxible para a realización de operacións de uroloxía na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O expediente, distribuído en 2 lotes, tamén contempla a cesión do equipamento asociado a esta especialidade médica, así como o resto de accesorios necesarios para a súa correcta utilización. O material que recolle no procedemento inclúe fibras desbotables para láser de holmio e funxibles para morcelador, co obxectivo de favorecer a prevención, rehabilitación e tratamento de enfermidades urolóxicas.
Estes instrumentos permitirán tratar enfermidades urolóxicas como a hiperplasia prostática benigna ou a litiasis renal de xeito máis sinxelo.
Así, no caso da hiperplasia prostática benigna, os láseres permiten realizar extirpacións ou retirar o tecido de xeito seguro e con menos dificultades. Pola súa banda, no tratamento da litiasis renal, o uso do láser está indicado para pedras grandes e/ou duras. Ademais, este material tamén permite practicar a nefrolitotomía percutánea, unha técnica innovadora de intervención para pedras de difícil acceso.
As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 10 de agosto para presentar as súas ofertas.
