Tras meses dándolle voltas a cada detalle, corrixindo cousas, buscando mellores materiais, mellores solucións e intentando que a experiencia deste ano fose un pouquiño mellor ca do anterior, chegaba a semana clave. Días de moito correr, limpar, mercar, cociñar centos de petiscos caseiros, colocar carteis, montar postos, preparar viño, revisar cada detalle… para que a II Ruta das Airas de Córgomo superase á primeira edición. E vaia se o facía.
Na tardiña deste sábado 18 de xullo a cita gastronómica que, non só pon en valor uns viños de primeiro nivel da D.O. Valdeorras senón a terra e a xente que os fan posibles, abría as portas superando expectativas, cunhas mil persoas enchendo de vida e festa a localidade de Córgomo, no concello de Vilamartín de Valdeorras.


Unha ruta que organizan os mozos do pobo, coa axuda dos seus, horas de traballo, ilusión e, sobre todo, moito corazón. “Moitas das cousas que están preparadas coas nosas propias mans e iso fai que cada detalle leve un anaquiño de nós”, acontan dende a organización, asegurando que máis alá do cambio de mesas por stands, foi moito o que aprenderon da primeira edición para lograr o seu obxectivo que “non é facer a Ruta máis grande senón que cada ano sexa un pouco mellor ca o anterior”.


Co acompañamento musical de Terras do Bibei, Os Parrandas e Os Charangaiteiros, os asistentes a esta edición da Ruta das Airas que nacía o ano pasado da man de catro mozos, desfrutaron dun animado percorrido polos diferentes stands, espallados polas diferentes zonas de Córgomo (o punto de partida na Aira dos Bolos), comendo e bebendo viños das adegas Santa Marta e D’Berna.








Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
