En portadaÚltima horaVídeos

O Clúster da Pizarra de Galicia presenta unha guía interactiva para reforzar a prevención fronte á exposición á sílice cristalina respirable

Trátase dun recurso práctico, realizado en colaboración do GDR7, para facilitar a implantación de medidas preventivas e promover unha xestión integral da seguridade e a saúde no traballo

 

Establecer un modelo de actuación orientado a mellorar a xestión dos riscos asociados á exposición a sílice cristalina respirable nos procesos de elaboración de lousa e achegar criterios homoxéneos para abordar situacións que ata o de agora podían xerar incerteza no sector. Con este obxectivo vén de publicarse a nova guía interactiva “Modelo para el control integral de los riesgos asociados a la exposición a sílice cristalina respirable en las naves de elaboración de pizarra”, froito da colaboración entre o Clúster da Pizarra de Galicia e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR7) Valdeorras.

Trátase dunha ferramenta deseñada para axudar ás empresas do sector para identificar, avaliar e previr os riscos derivados da presenza deste axente na contorna laboral. Pero tamén ás administracións, aos servizos de prevención, á representación laboral e aos propios traballadores. Así se poñía de manifesto na presentación desta guía, nun acto celebrado na mañá deste 21 de xullo na Casa Grande de Viloira (O Barco), que contaba coa asistencia de representantes institucionais e autoridades vinculadas ao sector procedentes de toda Galicia, así como da veciña provincia de León.

A xornada técnica abríase coa intervención do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, quen agradecía especialmente ao grupo de traballo “o seu esforzo de dedicación para que esta guía saia á luz”. Ademais explicaba que no sector da lousa “temos que ser competitivos, hai que innovar e seguir crecendo e exportando o noso produto a todo o mundo”, e, ao mesmo tempo, ,”isto é compatible coa protección dos nosos traballadores, das persoas, e por iso presentamos esta guía que quere mellorar as condicións de seguridade das naves de elaboración de lousa”.

 

 

Eliseo López engadía que, “cando falamos de prevención, falamos dunha responsabilidade compartida, referímonos a coidar aos que traballan nas nosas empresas e construír un sector máis seguro”. Nese senso, “a actualización da normativa que reforzou as esixencias para protexer aos traballadores fronte ao po plantexa novos desafíos, así as guías elaboradas polo Instituto Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo e polo Instituto Nacional de Sicolisis constituíron un referente indiscutible, porén dende o Clúster detectamos que seguían existindo dúbida e situacións prácticas que se podían resolver de forma concreta, por este motivo, crimos que debíamos dar un paso para realizar esta guía e complementar xa a normativa e as guías existentes”.

 

 

Deseguido, o presidente do Clúster detallaba algunhas das singularidades desta publicación que, entre outras cuestións, “identifica os riscos, explica como facer as avaliacións e desenvolve un amplo conxunto de medidas preventivas referíndose tanto as de carácter colectivo como a ventilación, a aspiración localizada, os sistemas de captacións de po, sistemas de nebulización, organización de boas prácticas de limpeza e hixiene, que son fundamentais; pero ademais á importancia dos equipos de protección individual, que tamén se melloraron nos últimos tempos. No Clúster somos conscientes de que non todas as tarefas presentan as mesmas circunstancias, nin os mesmos niveis de exposición, é dicir, cada instalación ten as súas características propias e por iso a guía incorpora recomendacións específicas para os diferentes postos de traballo e as distintas naves de elaboración de lousa. Tamén diferenza entre a presenza de contaminante e a existencia dun risco real para a saúde, recoñece algo básico, que é que non existen dúas instalacións exactamente iguais, cada nave ten as súas características propias”.

 

 

Este modelo, concluía López, “pretende converterse nun documento de referencia para o sector da lousa facilitando o cumprimento da normativa e aportando claves prácticas para a seguridade das persoas”. Deseguido, tomaba a palabra a primeira tenente de alcalde do Barco, Margarida Pizcueta, quen se refería á guía como “unha iniciativa que reflicte o compromiso do Clúster da Pizarra coa mellora continua dun sector que é fundamental para a nosa economía, para o noso emprego e para a identidade do noso territorio”.

 

 

Características básicas da guía

Nos detalles da guía afondaba, de forma telemática, o experto Javier Madera, explicando as súas principais funcionalidades. O documento achega criterios homoxéneos para abordar situacións que ata o de agora podían xerar incerteza e establece un modelo de actuación orientado a mellorar a xestión dos riscos asociados á exposición a sílice cristalina respirable nos procesos de elaboración de lousa.

O traballo (dun total de 140 páxinas) aborda a identificación dos riscos asociados á exposición a sílice cristalina respirable, establece os criterios para realizar unha avaliación adecuada e desenvolve un amplo conxunto de medidas preventivas.

 

 

Entre estas medidas, o documento presta especial atención aos sistemas de protección colectiva, como a ventilación, a aspiración localizada, os equipos de captación de po, a organización do traballo e a aplicación de boas prácticas de limpeza e hixiene. Así mesmo, destaca a importancia dos equipos de protección individual como elemento complementario dentro dunha estratexia global de prevención.

A guía ofrece “axilidade para facilitar a integracion de toda a prevención fronte á sílice cristalina respirable, rigor para que as propostas sexan aceptables polo sector e concreción, ofrecendo diferentes posibilidades de execución e consideracións ao respecto”, apuntaba Javier Madera García, enxeñeiro de Minas e experto en Hixiene Industrial.

Comentaba así mesmo o proceso de elaboración deste documento (no que participaban 15 persoas) e cales eran os aspectos de maior complexidade que se consensuaban, entre eles, aspectos relacionados coa hixiene no entorno de po, a importancia dos aspectos técnico-preventivos, “partindo da distinción entre equipos e procesos” e a creación dun documento sobre “preguntas frecuentes”, pensado principalmente para os traballadores e que editará en formato díptico.

 

 

Madero destacaba o “acabado interactivo e búsqueda áxil” da guía, así como a súa aplicación práctica e concluía a súa exposición afirmando que, “aínda existindo retos e percorrido para a prevención técnica, o sector da lousa leva anos á vangarda do esforzo preventivo”. Algo, resaltaba, que reflexa esta guía e, “ademais, axuda a que en temas formais e de xestión tamén se atope ao mellor nivel como garantía para a saúde dos traballadores”.

Clausura da xornada técnica

O acto de clausura desta xornada técnica corría a cargo da presidenta do GDR Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González Quintela, e do subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, Diego Casal Ramos.

González Quintela poñía en valor a importancia do sector da lousa para a comarca de Valdeorras e a súa contribución ao seu desenvolvemento socioeconómico e ademais expresaba “o orgullo de promover iniciativas útiles que permiten reforzar a competitividade e a sustentabilidade dunha actividade esencial para a comarca”, destacando a importancia de impulsar ferramentas que contribúan a mellorar o futuro dun sector que permitiu “avanzar á comarca de Valdeorras, a Galicia e a Castela e León”.

 

 

A presidenta do GDR tamen agradecía aos técnicos “que guiastedes o proxecto en todo aquilo que nós non sabemos, é unha alegría. E felicito ao clúster por esta xornada técnica”. Finalizaba asegurando que “imos seguir traendo progreso a esta terra, e esixindo adecuadamente melloras estruturais e infraestruturas que fagan máis cómodo o noso día a día e o das nosas familias”.

Finalmente tomaba a palabra o subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, Diego Casal Ramos, quen incidía na relevancia do sector galego da lousa e lembraba o apoio autonómico ao mesmo, e alundo aos retos futuros da minería. “Tanto Valdeorras como todo o sector da lousa en Galicia constitúen un referente pola maneira de afrontar todos estes retos como polo legado que se vai deixando”.

 

 

Por outra banda, Casal anunciaba que a finais desta semana sairá publicada no DOG “a orde que sacamos dende o 2015 de fomento da sostibilidade dos recursos naturais de Galicia, un ano máis poñemos a diposición do sector esta liña que, para satisfacción de todos, creo que está funcionando de maneira excelente”.

 

 

 

E concluía asegurando que dende a administración galega “queremos que sexa unha ferramenta de ordenación mineira recorrente. Tede a seguridade de que somos un territorio estratéxico e imos aportar todo o que sexa necesario para que Galicia sexa un referente nese senso, pero vós sodes a base esencial que vades estar aí e merecer a atención desta administración”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

Back to top button