A VeigaConcellosÚltima hora

Trevinca (A Veiga) celebra o Día de Galicia preparándose para a eclipse total de sol do 12 de agosto

 

O destino Trevinca – A Veiga celebrará este 25 de xullo, Día de Galicia, cunha proposta moi especial: prepararse para o que xa se considera o acontecemento astronómico do século en Galicia, a eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026. Coincidindo con esta festividade, o Centro Astronómico de Trevinca acollerá ás 18:30 horas o III Obradoiro sobre a eclipse solar de 2026, impartido por Óscar Blanco, divulgador de astronomía e director do centro.

A actividade forma parte da programación especial sobre a eclipse que se vén desenvolvendo desde o mes de febreiro, cando tivo lugar a primeira edición deste obradoiro. A programación continuará durante todo o verán con novos obradoiros, observacións solares, sesións de planetario, sesións de interpretación do ceo nocturno e actividades guiadas de astronomía ata a chegada da eclipse do 12 de agosto.

O obradoiro do Día de Galicia terá un carácter teórico-práctico. As persoas participantes poderán coñecer o funcionamento das eclipses solares, ver material audiovisual de eventos anteriores, aprender técnicas de observación indirecta e recibir recomendacións para a fotografía e gravación da eclipse, así como consellos para a observación en familia e explicacións detalladas sobre as medidas de seguridade imprescindibles para observar o Sol de forma segura.

A parte práctica incluirá unha sesión de observación solar con telescopio especializado e métodos de proxección, ademais dunha simulación da eclipse de 2026 no planetario do Centro Astronómico, que permitirá visualizar con precisión como se desenvolverá o fenómeno o próximo 12 de agosto.

A programación da xornada completarase ás 22:00 horas coa visita guiada habitual do Centro Astronómico de Trevinca, unha actividade adaptada a público familiar que inclúe unha breve proxección no planetario, explicacións na sala expositiva e, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, unha sesión de observación astronómica no exterior con telescopio e a simple vista. Nas vindeiras semanas continuará a programación astronómica. Para máis información, poden consultar á oficina de turismo de A Veiga.

A maiores da oferta astronómica, Trevinca-A Veiga ofrece durante o verán unha ampla variedade de actividades de ocio e natureza: baño nas súas dúas praias fluviais, alugueiro de kaiaks, paddle surf e pedaletas, percorridos en bicicletas tradicionais e eléctricas, actividades guiadas de observación astronómica, visitas aos seus pobos e rutas polos sendeiros homologados que atravesan algunhas das paisaxes de montaña máis destacadas de Galicia.

O Concello anima tanto á veciñanza como ás persoas interesadas na astronomía, na natureza e no turismo de interior a participar neste obradoiro e a descubrir Trevinca-A Veiga como un dos mellores lugares da Península para vivir a eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026.

Foto cedida polo Concello da Veiga.

Back to top button