
A LIII Festa da Bica de Trives, que se celebrará os días 25 e 26 de xullo, chega este ano cunha importante novidade gastronómica. “Por primeira vez, o produto máis representativo da repostaría trivesa contará coa súa propia versión de xeado grazas a unha idea do Concello que contou, para convertela en realidade, co traballo de creación exclusiva de La Central Heladera”. Así nace o Xeado de Bica de Trives pensado especificamente para esta edición da festa.
A proposta naceu cun obxectivo que no Concello tiñan claro, “trasladar ao mundo da xeadería artesanal toda a esencia dun doce convertido nun símbolo da identidade gastronómica de Trives”. E, lonxe de crear un simple xeado inspirado na bica, a empresa apostou por integrar auténtica Bica de Trives na propia receita, converténdoa na auténtica protagonista da elaboración.
Así, “o xeado combina leite fresca de Ecoleia, procedente de vacas alimentadas en pastoreo, con xenerosos anacos de Bica de Trives, conservando así a textura, o aroma e o sabor que caracterizan este doce tradicional. O resultado é un xeado cremoso, equilibrado e cunha marcada identidade galega, no que tradición e innovación conviven nun mesmo produto”, exlican dende o Concello de Trives, asegurando que esta creación combina ingredientes locais e o traballo indispensable dos obradoiros de Trives, que lles fixeron chegar auténticas Bicas para poder elaborar o xeado.
Con este novo Xeado de Bica de Trives, “demóstrase que a innovación tamén pode ser unha ferramenta para promocionar e poñer en valor o patrimonio gastronómico galego”, destacan dende o Concello trivés, adiantando que “concebido especificamente para a Festa da Bica, o novo xeado presentarase nun práctico formato monodose, permitindo que tanto a veciñanza como os milleiros de visitantes que cada ano se achegan á celebración poidan descubrir unha nova forma de degustar un dos produtos máis representativos da gastronomía trivesa”.
Esta novidade será un dos grandes atractivos dunha LIII Festa da Bica que volverá converter A Pobra de Trives nun punto de encontro para a gastronomía, a música e as tradicións.