En portadaÚltima horaVídeos

Aforo completo no xantar dunha exitosa Festa da Bica de Trives que reúne a preto de 350 persoas

 

Cun cambio de ubicación ante a posibilidade de chuvia e un gran éxito de convocatoria, se celebraba o xantar da LIII Festa da Bica de Trives que esgotaba todas as entradas.  “Malia ter ampliado o aforo respecto da edición anterior, as entradas vólvense esgotar en tempo récord, un fito que non fai máis que demostrar o interese, o agarimo e as gañas de compartir unha xornada de comunidade arredor da gran protagonista da nosa terra: a Bica de Trives, nun evento que ano tras ano segue a sumar máis xente”, aseguran dende o Concello a través das redes, agradecendo o interese da poboación.

 

 

Así pois, no mediodía deste sábado 25 de xullo, a gran Festa de Galicia que honra ao seu patrón, Santiago Apóstolo, preto de 350 persoas degustaban no patio do CEIP Manuel Bermúdez Couso (inicialmente esta previsto celebrala na praza do Reloxo), un exquisito xantar que este ano traía sorpresa, nin máis nin menos que un xeado artesanal feito con Bica de Trives, amenizado un ano máis por Son do Sil e tamén polos Trintas de Trives.

 

 

A festa continuará ás 21:30 horas coa actuación de Skadelos, a banda do Carballiño que acaba de dar un paso decisivo na súa carreira tras proclamarse gañadora do premio Onda Chicha, celebrado na Sala Capitol de Santiago de Compostela.

E mañá, haberá unha andaina con subida á Cabeza Grande e ás 21 horas, será a quenda de Luar na Lubre, que fará parada en Trives dentro da xira coa que celebra os seus 40 anos de traxectoria.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Back to top button