CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

O IX Serán da Seitura de Manzaneda rende homenaxe póstuma a Aquilino Pérez Prieto de Vidueira

 

Un ano máis a última fin de semana de xullo a música tradicional está a encher cada recuncho do concello de Manzaneda. Na tarde deste sábado día 25 celebrábase na praza da Igualdade da vila o IX Serán da Seitura, un evento que, ademais de contar con diversas actuacións, rendeu tributo á memoria de Ludivina Pérez Ricoi cunha ofrenda floral ante o seu monumento, ademais dunha homenaxe póstuma a Aquilino Pérez Prieto de Vidueira.

 

 

No programa figuraban as actuacións da violinista Candela Rodríguez; das Cantareiras de Sta. Baia de Monte, da Real Xuvenil, de Blandina, Digna e Fiuca de Trives e da Escola Toxos e Xestas de Barcelona; do Grupo de Acordeóns de Airiños da Porta Falsa de Manzaneda; de Rogelio da Aceveda; da Coral Candea de Viana; e da Real Xuvenil.

 

 

Xa de noite cara ás 23 horas, na Estación de Montaña Manzeneda, terá lugar a Noite Celta coa actuación das Pandereteiras da Escola Toxos e Xestas de Barcelona; The Salisker Band; Grupo Áurea; Sons de la Cossetània (Tarragona); Banda de Agarimo de Catabois; Es Reguinyol, Xeremiers de Muro (Mallorca); Banda de Gaites de Cabu Peñes (Asturies); e Cantareiras da Real Xuvenil.

 

 

Varias desas agrupacións participarán ao día seguinte, domingo 26, na fase final do XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que se celebrará a partir das 11 horas no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda. Un evento que nesta ocasión, a maiores das gaitas celtibéricas reunirá gaitas mediterráneas. “Son outros sons moi interesantes”, explica o director da Banda de Gaitas e organizador do certame, Xosé Lois Foxo, adiantando que contarán con bandas de Aragón, Cataluña e Baleares.

 

 

Presentado coma sempre por Montse Estévez, o certame incluirá a competición das bandas de diferentes graos; os campionatos de gaiteiros solistas e de bastóns de mando; a ofrenda floral a Gabino García; e a entrega de premios, antes da interpretación conxunta do Himno do Antergo Reino de Galicia.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button