SanidadeÚltima hora

O servizo de Farmacia do Hospital de Verín incorpora un novo sistema automatizado para optimizar a xestión dos medicamentos

 

O Servizo de Farmacia Hospitalaria do Hospital Público de Verín reforza a súa capacidade asistencial coa incorporación de dous novos carruseis horizontais automatizados para o almacenamento e dispensación de medicamentos, un equipamento de última xeración que supuxo un investimento próximo aos 134.000 euros.

Esta actuación representa un importante avance na modernización do servizo, ao permitir unha xestión máis eficiente, segura e precisa dos medicamentos, mellorando tanto os procesos internos como a calidade da atención que reciben os pacientes.

Segundo Lucía Cid Conde, subdirectora de Prestación Farmacéutica da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, “a incorporación destes sistemas automatizados ao Hospital Público de Verín representa un novo paso na modernización da farmacia hospitalaria da nosa área sanitaria. Con esta actuación complétase a implantación gradual da automatización nos tres hospitais da área, garantindo que todos os centros dispoñan das mesmas ferramentas para ofrecer unha atención farmacéutica máis segura, eficiente e de calidade”.

A doutora Cid Conde salienta que “ademais de optimizar a xestión dos medicamentos e reforzar a seguridade do proceso farmacoterapéutico, esta tecnoloxía permite liberar tempo dos profesionais para dedicalo á actividade asistencial, achegando un maior valor engadido ao coidado dos pacientes. Esta actuación reafirma o compromiso coa innovación e coa modernización dos servizos, incorporando solucións que melloran tanto a organización interna como a calidade da asistencia sanitaria”.

Para un hospital comarcal como o Hospital Público de Verín, a incorporación desta tecnoloxía representa un importante salto cualitativo na organización do Servizo de Farmacia Hospitalaria. A automatización dos procesos permite ofrecer unha resposta máis áxil ás necesidades asistenciais, incrementar a seguridade do paciente e seguir avanzando na incorporación de ferramentas innovadoras que favorecen unha atención sanitaria máis moderna, eficiente e de maior calidade.

 

 

Características dos carruseis automatizados

Os novos dispositivos funcionan baixo o principio de “produto ao profesional”, de maneira que son os propios carruseis os que achegan automaticamente o medicamento solicitado ao punto de traballo. Este sistema reduce de forma significativa os tempos de procura e preparación dos pedidos, elimina desprazamentos innecesarios do persoal e permite dedicar máis tempo ás actividades de maior valor engadido relacionadas coa atención farmacéutica.

Ademais, os carruseis incorporan tecnoloxía Pick-to-Light, un sistema de guiado luminoso que sinala con precisión a localización do medicamento que debe ser recollido. Esta funcionalidade contribúe a minimizar os erros na preparación e dispensación, incrementando a seguridade en todo o proceso e reforzando a garantía dunha correcta utilización dos tratamentos.

Outro dos aspectos máis destacados é a mellora do control do inventario. O sistema rexistra en tempo real todos os movementos de entrada e saída dos medicamentos, facilitando unha trazabilidade completa, un seguimento rigoroso das existencias e un control permanente das datas de caducidade. Isto permite optimizar o stock dispoñible, reducir perdas por vencemento e asegurar unha maior dispoñibilidade dos tratamentos necesarios para os pacientes.

A incorporación destes dous carruseis tamén supón unha importante optimización do espazo físico do Servizo de Farmacia. O seu deseño de alta densidade permite almacenar un maior número de referencias nunha superficie máis reducida, mellorando a organización do almacén e facilitando o acceso aos medicamentos.

Así mesmo, os novos equipos están integrados cos sistemas de información do hospital, favorecendo unha comunicación directa coa aplicación de xestión farmacéutica e coa historia clínica electrónica. Esta integración contribúe a axilizar os fluxos de traballo, incrementar a eficiencia dos procesos e reforzar a seguridade en toda a cadea do medicamento.

Back to top button