SanidadeÚltima hora

Apróbase o decreto para convocar 25 prazas de médico de Urxencias, por concurso de méritos, para o CHUO

Ofértanse a totalidade das vacantes existentes neste servizo do hospital ourensán, reservando 2 prazas para a quenda de discapacidade xeral

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Consello da Xunta vén de aprobar na súa reunión deste luns 27 de xullo o decreto polo que se aproba a oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura na categoría de médico de urxencias hospitalarias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para o ano 2026.

Nesta convocatoria extraordinaria, o Servizo Galego de Saúde ofertará a totalidade das prazas vacantes que existen nesta unidade, reservando 2 prazas para a quenda de discapacidade xeral. O obxectivo principal deste procedemento é garantir a calidade e a continuidade asistencial nun servizo sanitario considerado como prioritario, ademais dar unha resposta efectiva ás necesidades de persoal do centro que, malia contar cun cadro de persoal de 50 profesionais, na actualidade unicamente ten ocupadas 25 destas prazas.

A medida realízase ao abeiro da reforma da Lei de medidas extraordinarias dirixidas á provisión de postos de difícil cobertura, impulsada polo Executivo autonómico e aprobada no Pleno do Parlamento galego o pasado 7 de xullo, que dá esta consideración ás prazas de medicina de urxencias do hospital de Ourense.

Ademais, co obxectivo de captar o maior número de profesionais posibles, incentívase co triplo de puntuación a experiencia laboral acumulada polos servizos prestados nas urxencias do hospital ourensán.

Na actualidade, as necesidades de persoal do servizo de urxencias deste hospital estanse a cubrir grazas ao esforzo e ao compromiso dos profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e doutras áreas sanitarias, que están a cubrir as vacantes. Para iso a Xunta puxo en marcha un programa especial de urxencias para que facultativos doutras áreas presten apoio e cubran o servizo de urxencias do hospital ourensán.

Tras a aprobación por parte do Consello da Xunta, o Servizo Galego de Saúde iniciará de xeito inmediato os trámites administrativos necesarios para publicar a convocatoria no Diario Oficial de Galicia do mes de agosto.

O obxectivo é que o proceso poida estar resolto e as prazas de médico de urxencias cubertas no primeiro semestre do vindeiro ano.

Back to top button