ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

San Xoán de Río reivindica a contribución das mulleres á historia do cine cun almorzo-coloquio protagonizado por Berta Ojea e Laura Seara

A actriz e a ex secretaria de Estado de Igualdade participarán o 5 de agosto na Casiña Azul nun encontro que analizará o papel das mulleres na industria audiovisual desde unha perspectiva feminista

O Concello de San Xoán de Río celebrará o vindeiro 5 de agosto, ás 11 horas, na Casiña Azul, un almorzo-coloquio con título “As mulleres no cine. Unha ollada feminista”, un encontro que reunirá dúas voces de referencia para reflexionar sobre a evolución do papel das mulleres na historia do cinema, os avances acadados nas últimas décadas e os retos que aínda persisten nun dos sectores con maior capacidade para influír na maneira de entender a sociedade.

O coloquio contará coa participación da actriz Berta Ojea, unha das intérpretes galegas con maior traxectoria no ámbito audiovisual e teatral, que ao longo da súa carreira combinou o seu traballo artístico cun firme compromiso na defensa dos dereitos das profesionais da cultura, formando parte da xunta da Unión de Actores e Actrices. Xunto a ela intervirá Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade e actual directora da empresa Red Talento, cunha ampla experiencia no impulso de políticas públicas de igualdade e na incorporación da perspectiva de xénero ás organizacións e ás institucións.

A iniciativa enmárcase nas actuacións promovidas polo Concello ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, convencido de que a igualdade tamén se constrúe desde a cultura e de que o cine representa unha das ferramentas máis poderosas para crear referentes, transmitir valores e contribuír á transformación social.

Lonxe de ser unicamente unha forma de entretemento, o cinema condiciona a maneira na que a sociedade interpreta a realidade. As historias que chegan á pantalla, quen as escribe, quen as dirixe e quen ocupa o espazo protagonista inflúen directamente na percepción colectiva do papel das mulleres e dos homes. Por iso, a actividade propón unha mirada crítica sobre unha industria que durante décadas foi construída maioritariamente desde unha perspectiva masculina.

A xornada partirá dunha idea fundamental, que é que a cultura non é neutra nin permanece inmóbil. Reflicte a sociedade na que nace, pero tamén ten a capacidade de cuestionala e transformala. Durante boa parte da historia, as mulleres atoparon enormes dificultades para acceder aos espazos de creación, dirección e decisión dentro da industria audiovisual, ao tempo que moitas das súas achegas quedaron fóra do relato oficial da historia do cine.

 

 

Ao longo do encontro realizarase un percorrido pola evolución das mulleres no cinema, recuperando figuras pioneiras como Alice Guy-Blaché, considerada a primeira persoa en dirixir unha película de ficción narrativa, ou referentes como Agnès Varda, Pilar Miró, Josefina Molina ou Icíar Bollaín, cineastas que abriron camiño e contribuíron a ampliar a mirada do cinema contemporáneo.

O debate permitirá tamén analizar como cambiou a representación feminina na pantalla. Durante moito tempo, as mulleres apareceron asociadas a estereotipos ou desempeñando papeis secundarios. Co impulso do movemento feminista e coa incorporación progresiva de máis creadoras á dirección, ao guión e á produción, o cinema foi incorporando novos relatos e personaxes máis diversos, complexos e afastados dos modelos tradicionais.

Aínda así, as desigualdades seguen existindo. Según os estudos da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), as mulleres xa representan o 38 % da presenza no sector do largometraxe español, pero as películas dirixidas por elas continúan dispoñendo, de media, dun 24 % menos de orzamento que as realizadas por homes. Ademais, departamentos como a dirección de fotografía, a produción executiva ou o deseño de son continúan moi lonxe dunha representación equilibrada.

Neste contexto, o coloquio pretende abrir unha reflexión sobre a necesidade de revisar non só quen ocupa hoxe os espazos de creación, senón tamén a forma na que se escribiu a historia da cultura. Porque recuperar o talento das mulleres non significa engadir nomes esquecidos a unha lista xa existente, senón ampliar a nosa comprensión do patrimonio cultural e ofrecer unha visión máis completa da historia do cinema.

Como lembran os estudos sobre igualdade na cultura, o esquecemento das mulleres non foi consecuencia dunha falta de talento, senón dunha distribución desigual do poder e do recoñecemento dentro das institucións culturais. Recuperar esa memoria constitúe un paso imprescindible para construír un relato máis plural, rigoroso e representativo da sociedade.

Con esta iniciativa, o Concello de San Xoán de Río reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade entre mulleres e homes a través da cultura, favorecendo espazos de diálogo que permitan comprender mellor o pasado, analizar os desafíos do presente e seguir avanzando cara a unha sociedade na que todas as voces conten co mesmo recoñecemento.

Back to top button