Un mes despois do SilFest Valdeorras, que celebraba o X aniversario á beira do río, no Barco, e tres semanas despois de recibir a visita da Raíña Sofía, a localidade valdeorresa de Oulego, no concello de Rubiá, acollía a I edición do Oule-go!, un novo festival moi especial, con entrada e acampada libres, con moita música e tamén mercadiño e comida.
O día grande era o venres 31 de xullo e tíñano complicado con citas relevantes en diferentes partes da comarca, entre elas a actuación da orquestra La Misión, nas festas de verán da Rúa, pero cumpría co prometido superando expectativas. “Estivo perfecto para unha primeira edición”, din dende a organización, asegurando que “houbo moita xente, superando calquera expectativa, moi bo ambiente e a xente moi contenta”.
A nivel musical, polo escenario do Oule-go! pasaron Dj Repunante e ata cinco bandas de rock, tres delas membros de AMAVA, The Black Wings, Fendetestas, Kz Angels, Rosa Caiman e Los Bluffs que fixeron brincar aos asistentes e tamén vivir momentos moi especiais.
O sábado, xa máis tranquilo, era a quenda de Sr. Jingles que daba un concerto en acústico na sesión vermú.
Fotos: Iria Iglesias.
Vídeo cedido.