ConcellosManzanedaTrivesÚltima hora

Os Concellos de Trives e Manzaneda poñen en marcha a súa candidatura á certificación Starlight

 

Os Concellos da Pobra de Trives e Manzaneda “dan un paso decisivo na súa aposta por un modelo de turismo sostible, de calidade e ligado aos seus recursos naturais” coa posta en marcha da candidatura para a obtención da prestixiosa certificación como Destino Turístico Starlight, “un recoñecemento internacional que situará á comarca entre os grandes referentes do turismo astronómico”, aseguran.

Esta iniciativa, promovida por ambos concellos, conta co traballo técnico da dirección da Estación de Montaña Cabeza de Manzaneda e co financiamento de Turismo de Galicia, nun “exemplo de colaboración institucional que permitirá poñer en valor un dos maiores patrimonios naturais da zona: a extraordinaria calidade do seu ceo nocturno”.

A proximidade da eclipse solar total prevista para o vindeiro 12 de agosto pon de manifesto o enorme potencial da comarca para consolidarse como un destino de referencia para o astroturismo. “A Pobra de Trives e Manzaneda reúnen unhas condicións privilexiadas para a observación astronómica grazas á súa altitude, á escasa contaminación luminosa e á excelente calidade do ceo, factores que as sitúan entre os mellores enclaves de Galicia para a contemplación do firmamento”.

 

 

A certificación Starlight suporía un “importante impulso para a promoción turística do territorio, incorporando un novo atractivo a unha oferta xa consolidada arredor da natureza, o deporte, o patrimonio, a gastronomía e a Estación de Montaña Cabeza de Manzaneda, ademais de contribuír a diversificar a actividade turística ao longo de todo o ano, xerando novas oportunidades para o desenvolvemento económico e social da comarca”, din dende os concellos, asegurando que nos últimos meses desenvolveuse un “intenso traballo técnico e de coordinación entre todas as entidades implicadas para cumprir cos requisitos esixidos pola Fundación Starlight, polo que a previsión é que a certificación poida converterse nunha realidade nun curto prazo”.

Coa consecución deste distintivo internacional, A Pobra de Trives e Manzaneda “reforzarían a súa posición como un dos grandes destinos de turismo astronómico de Galicia e do noroeste peninsular, consolidando unha oferta turística diferenciada e sostible que pon en valor un dos seus recursos máis singulares: un ceo de excepcional calidade para descubrir, observar e contemplar o universo nun enclave natural único”.

Back to top button