
Bodegas Blare vén de ser recoñecida co selo de produción ecolóxica da Xunta de Galicia, “unha distinción que a converte na única adega da Denominación de Orixe Valdeorras que conta actualmente con este recoñecemento. Este fito sitúaa, ademais, entre as tres únicas adegas da provincia de Ourense e as dez únicas dos cinco Consellos Reguladores vitivinícolas galegos que dispoñen desta certificación”, segundo destaca o CRDO Valdeorras.
Ademais este organismo pon en valor esta aposta da adega por un “modelo de viticultura baseado no respecto á natureza, á sustentabilidade e ao coidado do medio ambiente, valores que forman parte da filosofía de traballo de Bodegas Blare”.
“Apostar polo respecto á natureza e ao medio ambiente é unha filosofía que levamos en Bodegas Blare desde hai tempo”, explica o xerente da adega, Herminio Blanco, quen destaca que acadar esta certificación supón tamén asumir un importante compromiso e un maior esforzo no día a día.
O responsable da adega recoñece que a produción ecolóxica require “máis sacrificio, estar máis pendente da viña, visitala máis a miúdo e buscar alternativas para paliar as pragas e enfermidades”, pero considera que é un camiño necesario para avanzar cara a unha viticultura máis respectuosa e sostible.
Pola súa banda, o director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Jorge Mazaira, destaca a importancia desta decisión e aplaude a aposta realizada por Bodegas Blare. “É a única adega da denominación que conta actualmente con este selo. Aínda que non foi a primeira da DO en apostar pola produción ecolóxica, valoramos moi positivamente o seu compromiso cun produto diferenciado e de calidade”, sinala.
Neste sentido, engade que “hai que arriscar para facer algo que forma parte do futuro dos viños de calidade, e este selo é importante porque achega valor engadido ao produto e recoñece unha maneira de traballar máis respectuosa co medio”.
Desde Bodegas Blare tamén queren destacar o apoio recibido por parte do Consello Regulador ao longo deste proceso. “O Consello Regulador é como unha tea que nunca nos deixa caer”, afirma Herminio Blanco, agradecendo o acompañamento e a colaboración da entidade na defensa e promoción dos viños de Valdeorras.

Acio de prata 2026
Esta nova certificación chega nun momento especialmente positivo para Bodegas Blare, unha adega que destaca pola calidade dos seus viños, tanto tintos como brancos, elaborados a partir das variedades propias e do potencial vitícola da comarca.
Proba desa calidade é o recente recoñecemento acadado polo seu Outarelo 2023, un viño tinto elaborado con variedade Garnacha, que foi distinguido cun Acio de Prata 2026 na categoría de mellores viños de colleitas anteriores da Cata dos Viños de Galicia.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras considera que este tipo de iniciativas reforzan a imaxe da denominación como territorio de viños singulares, onde tradición, innovación, sustentabilidade e excelencia poden avanzar da man para seguir gañando prestixio nos mercados.