OurenseÚltima hora

O OUFF celebrará un autocine de verán o xoves 27 de agosto

A película proxectada será o thiller psicolóxico Mientras duermes, de Jaume Balagueró e poderá verse no aparcadoiro situado ao carón do Complexo Deportivo de Monterrei

 

O OUFF · Ourense Film Festival segue coas actividades paralelas desta 31ª edición cun evento do máis especial, Cine de Verán: Autocine, unha proposta inédita que busca ofrecer ao público ourensán unha experiencia diferente e pensada para desfrutar do cine ao aire libre desde o coche.

A cita será o xoves 27 de agosto ás 23 horas, no aparcadoiro situado ao carón do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar. Un espazo amplo e cómodo, que se sitúa xusto despois das canchas e da pista de atletismo que se converterá, por unha noite, nun auténtico escenario cinematográfico sobre rodas cunha pantalla xigante.

Un thriller psicolóxico dunha noite de verán

O OUFF proxectará Mientras duermes, o thriller psicolóxico de Jaume Balagueró, que se converteu nunha das obras máis inquietantes e celebradas do xénero. A película (recomendada para maiores de 16 anos) destaca pola súa atmosfera opresiva e unha interpretación memorable de Luis Tosar, que constrúe un antagonista inquietante. O festival aposta nesta ocasión polo terror, convencido de que a experiencia de ver unha película de suspense e tensión desde o coche pode resultar especialmente inmersiva e estimulante para o público.

A actividade será gratuíta, con acceso libre ata completar capacidade, limitada en 70 vehículos. Para garantir unha experiencia óptima, establécense as seguintes normas básicas durante a proxección:

  • Apagar as luces dianteiras unha vez estacionado, para evitar deslumbramentos.
  • Manter o motor apagado durante a sesión, evitando ruídos e emisións de gases.
  • O son emitirase por frecuencia modulada (FM), para que cada vehículo poida escoitar a película con total claridade.
  • Prégase non facer ruido durante a proxección.
  • O recinto contará con persoal de apoio para organizar a entrada, a colocación dos coches e o correcto desenvolvemento da actividade.

Un verán de cine na provincia

Con esta novidosa actividade, o OUFF dá un paso máis no seu compromiso de achegar o cinema á veciñanza. Trátase dunha proposta pensada para tódolos públicos, que combina verán, ocio e cultura, como xa sucedeu co cine de verán para mascotas que tivo lugar a finais do mes de xullo no Centro Comercial Ponte Vella.

Back to top button