
A Quiroga Bike Marathon 2026 entra na súa recta final. Este mércores, 19 de agosto, comeza a conta atrás dun mes para a celebración da proba, que reunirá o próximo 19 de setembro en Quiroga a afeccionados ao ciclismo de montaña.
A organización mantén aberto o prazo de inscrición e anima ás persoas interesadas a reservar canto antes o seu dorsal. Durante as próximas semanas ultimaranse os preparativos dunha edición que incorporará sorpresas e sorteos para os participantes.
A proba contará con dúas modalidades. A Bike Marathon terá un percorrido de 45 quilómetros e 1.300 metros de desnivel positivo, mentres que a Bike Extreme alcanzará os 65 quilómetros e 2.300 metros de desnivel. Os dous itinerarios percorrerán carreiros e paraxes do concello de Quiroga e da contorna do Xeoparque Montañas do Courel, cunha combinación de zonas rápidas, descensos e tramos técnicos.

A participación poderá realizarse de forma individual ou por parellas e non será necesario contar con licenza federativa. A inscrición inclúe bolsa do corredor, seguro deportivo e cronometraxe con chip.
A un mes da cita, a organización encara as últimas semanas de preparativos e lembra aos afeccionados que aínda poden asegurar a súa participación a través da web oficial.