
O OurFest avanza o cartel da súa quinta edición coa confirmación de The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto. Seis propostas que recollen a identidade construída polo festival desde 2022 e debuxan “un percorrido pola historia e o presente do rock alternativo, desde bandas decisivas das últimas catro décadas ata algunhas das voces máis persoais e estimulantes da escena actual”, explican dende a organización. A cita será o sábado 19 de setembro en Expourense.
The Jesus and Mary Chain achegan o peso dunha banda esencial para entender a evolución do rock británico; The Mystery Lights, a enerxía máis física do garaxe punk e a psicodelia neoiorquina; e Fat Dog, a vertente máis explosiva e contemporánea do cartel. The Dream Syndicate amplían esa dimensión histórica desde o outro lado do Atlántico, mentres Triángulo de Amor Bizarro representan unha das traxectorias máis sólidas e persoais da escena galega. Germán Salto completa o percorrido desde outra forma de entender a música: a artesanía da canción, o pop orquestral, o power pop e a tradición americana.

OurFest chega ao seu quinto capítulo cunha “identidade construída desde Ourense” e unha programación “coidada e singular” dentro do circuíto alternativo, nunha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. O festival manterá o seu formato dunha única xornada e un recinto cuberto no que a música ocupa o centro da experiencia.
Desde o seu nacemento, a cita traballa para incorporar a cidade ao mapa das grandes xiras e achegar a Galicia propostas nacionais e internacionais que non sempre atopan espazo nos circuítos habituais. De aí que sexa tamén unha invitación a “descubrir e vivir Ourense arredor da música”, unha proposta que conta desde a súa primeira edición co apoio da Deputación de Ourense.
Durante a fin de semana do festival, a cidade das Burgas convértese así nun punto de encontro para público de Galicia, doutros lugares do Estado e do norte de Portugal. A programación abre así a porta a unha escapada na que os concertos conviven coa cultura termal, o patrimonio e a gastronomía dunha cidade que forma parte inseparable da identidade do festival.
