
O Concello da Pobra de Trives vén de emitir un comunicado de prensa no que reclama “á Consellería de Sanidade que asuma as súas competencias e dea unha solución definitiva ás necesidades do Centro de Saúde e do PAC do municipio. Así. segundo se apunta esta administración local, “o Concello leva anos solicitando unha reunión coa Consellería para poder trasladar directamente as necesidades de Trives. Non foi recibido ata o pasado ano, cando finalmente se celebrou unha xuntanza na que se expuxo a situación do Centro de Saúde, as necesidades existentes e os problemas que afectan ás instalacións”.
Nesa reunión, segundo o Concello de Trives, “o conselleiro comprometeuse a realizar unha visita técnica ao centro para avaliar as necesidades e estudar as actuacións necesarias. Co obxectivo de facilitar e axilizar o traballo da Consellería, o Concello encargou e pagou con fondos municipais unha memoria valorada elaborada por un arquitecto, que foi posta á súa disposición. Porén, máis dun ano despois, a actuación comprometida non se executou e a resposta continúa sendo a de sempre: compromisos sen solucións efectivas”.
Tamén se indica no comunicado que o que finalmente levou ao Concello de Trives a facer pública esta situación “foi a petición recibida esta mesma semana, directamente da propia Consellería de Sanidade, para que sexa o Concello quen instale un sistema de climatización no Centro de Saúde. Desde o Goberno municipal considérase especialmente sorprendente esta petición despois do compromiso adquirido polo conselleiro e da memoria técnica encargada e pagada polo propio Concello precisamente para facilitar unha actuación sobre o edificio. A pregunta é evidente: que sentido ten pedir ao Concello que instale un sistema de climatización se previamente non se acomete a obra necesaria para que o edificio estea correctamente acondicionado?”.
Neste senso, o goberno municipal trivés considera necesario “abordar previamente cuestións estruturais, como un correcto illamento do inmoble, antes de limitarse a instalar un sistema de climatización. De pouco serve climatizar un edificio se non se solucionan previamente as deficiencias que provocan perdas térmicas, humidades ou un consumo enerxético innecesario. Resulta especialmente difícil de entender que, despois de máis dun ano sen executar o compromiso de estudar e abordar as necesidades do edificio, a resposta da Consellería sexa agora trasladar ao Concello a instalación da climatización”.
O grupo de goberno trivés apunta así meso que “a sanidade é competencia da Xunta de Galicia e que os concellos non poden converterse de maneira permanente na rede de seguridade doutras administracións. A Pobra de Trives leva anos asumindo con recursos municipais gastos vinculados ao funcionamento do Centro de Saúde, entre eles electricidade, calefacción, limpeza e mantemento, ademais de poñer as instalacións municipais ao servizo da sanidade pública. Incluso, co obxectivo de facilitar unha solución definitiva, o Concello chegou a ofrecer formalmente á Consellería a cesión do inmoble, para que puidese asumir directamente a súa xestión e mantemento”.
Nesta cuestión Concello da Pobra de Trives reclama “unha actuación integral e unha resposta da administración competente, e insiste en que a veciñanza ten dereito a contar cun Centro de Saúde e un PAC dignos, adecuados e correctamente mantidos. Os concellos non podemos seguir asumindo competencias impropias. Cada administración debe asumir as súas responsabilidades”.
Sanidade di que se está a realizar un informe técnico das necesidades do centro e que este é de titularidade municipal
En resposta a este comunicado do Concello, a Consellería de Sanidade asegura que, “tal se comprometeu, o Servizo Galego de Saúde realizou o 16 de xullo unha visita ao centro de saúde de Pobra de Trives co arquitecto responsable do servizo de Obras da Dirección Xeral de Recursos Económicos, o xefe de mantemento da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e un concelleiro municipal”.
E, nesa visita, engade a consellería, o técnico do Sergas “confirmou diversas necesidades que están a ser estudadas, entre elas a posibilidade de renovar a fontanería ou instalacións térmicas. A finais deste mes concluirase o informe técnico correspondente sobre as necesidades de mantemento do centro, que é de titularidade municipal e polo tanto o mantemento do centro é competencia do Concello. No seu caso e seguindo o modelo habitual que utiliza o Servizo Galego de Saúde para os centros de saúde de titularidade municipal”, se ben,” valorarase a posibilidade de cofinanciar as actuacións entre ambas administracións”.