OurenseÚltima hora

Julio Feijoo López, veciño de San Xoán de Río, celebra o seu centenario

 

Julio Feijoo López, natural do municipio de San Xoán de Río, celebra neste 23 de agosto o seu centenario. Pasou a súa infancia en Río, pero aos 29 anos, trasladouse a Madrid xunto á súa esposa, María Losada, e ao seu fillo Toñín. Alí desenvolveu a súa vida profesional como condutor de vehículos pesados e autobuses de servizo discrecional, unha profesión que lle permitiu percorrer boa parte de Europa e vivir innumerables experiencias ao longo de varias décadas.

Xa xubilado, regresou á súa terra natal aos 65 anos para desfrutar da vida tranquila que sempre soñara na terra que o viu nacer.

Celebraba o seu cumpreanos na súa vivenda, acompañado pola súa familia, amigos e veciños e o Concello de San Xoán de Río facíalle entrega dun Certificado de Lonxevidade, como recoñecemento a unha vida que alcanza o século de historia e que forma parte da memoria colectiva deste municipio.

“A celebración enmárcase tamén na aposta municipal por poñer en valor a lonxevidade como un dos grandes activos do territorio, unha liña de traballo que se materializou en iniciativas como o Festival da Lonxevidade, impulsado polo Concello para visibilizar e reivindicar o papel das persoas maiores na construción do presente e do futuro do rural”, segundo indica o grupo de goberno local.

 

 

Ademais, dende o Concello indícase que “os datos demostran que San Xoán de Río forma parte dun dos territorios máis lonxevos de Europa:

– Provincia de Ourense: a día de onte contabilizábanse arredor de 334 persoas centenarias. Co aniversario de Julio Feijoo López, esa cifra pasa simbolicamente a ser de 335 centenarios vinculados á provincia, consolidando a Ourense como unha das provincias con maior concentración de persoas de 100 ou máis anos de España.

– Galicia: a día de onte residían na comunidade 1.757 persoas con 100 ou máis anos. Co centenario de Julio, a cifra ascende simbolicamente a 1.758 centenarios.

– España: o noso país supera actualmente os 20.000 centenarios, unha cifra que continúa medrando ano tras ano grazas ao aumento da esperanza de vida e á mellora das condicións de saúde e benestar. Co aniversario celebrado hoxe en San Xoán de Río, España suma simbolicamente un centenario máis”.

O Concello destaca ademais que San Xoán de Río conta actualmente con máis persoas centenarias e prevé celebrar durante este mesmo ano outros dous novos centenarios, reforzando así o seu posicionamento como un referente da lonxevidade no rural galego.

Así mesmo dende o Concello de Río trasládanse os parabéns a Julio Feijoo López e á súa familia, agradecéndolles “a oportunidade de compartir unha data tan especial para todo o municipio e para unha comunidade que hoxe celebra cen anos de historia, recordos e vida”.

Imaxes cedidas.

 

Back to top button