SanidadeÚltima hora

Bicos de Papel presenta a súa II Gala Solidaria no Hospital Universitario de Ourense

A gala celebrarase o vindeiro 5 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense con actuacións e actividades para toda a familia

 

A Asociación Bicos de Papel instalaba neste 31 de agosto unha mesa informativa no Hospital Universitario de Ourense para dar a coñecer o seu labor de apoio aos nenos e nenas con cancro e ás súas familias e promover a súa II Gala Solidaria, que se celebrará o sábado 5 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense.
Para apoiar coa súa presenza o traballo que a entidade desenvolve coas familias do sur de Galicia, profesionais do Servizo de Pediatría e membros da Dirección da Área Sanitaria achegáBAnse esta mañá á mesa.

Beatriz González, delegada da asociación en Ourense, explicaba que actualmente tres familias ourensás están aloxadas na vivenda de acollida, que Bicos de Papel mantén preto do Hospital Álvaro Cunqueiro, centro de referencia para o tratamento onco-hematolóxico infantil das áreas sanitarias de Ourense e Vigo.

A proximidade ao hospital permite ás familias acompañar os seus fillos durante tratamentos e ingresos, que poden prolongarse durante semanas ou meses, sen ter que asumir diariamente os desprazamentos a Vigo. Desde a súa apertura en 2017, máis dunha vintena de familias ourensás utilizaron este recurso, que adoita manter unha ocupación continuada.

A asociación ofrece tamén acompañamento psicolóxico, rehabilitación das secuelas físicas e axudas para desprazamentos ou estadías fóra do domicilio. Este apoio inclúe tamén as familias que deben acudir a centros de referencia situados fóra de Galicia, como Madrid ou Barcelona.

 

 

Apoio durante todo o proceso

Bicos de Papel naceu da unión de familias que viviran o diagnóstico de cancro dun fillo e coñecían as necesidades que aparecen durante o tratamento. A súa actividade inicial centrouse na organización de propostas de lecer, adaptadas para menores inmunodeprimidos -con menor capacidade para combater infeccións- e foise ampliando progresivamente para dar resposta ás necesidades das familias, ofrecendo un acompañamento máis completo.

Beatriz González subliñaba que existen distintas vías de colaboración, desde facerse socio, a realizar doazóns, adquirir produtos solidarios ou participar nas actividades organizadas pola asociación, como nas galas solidarias que anualmente se celebran en Vigo e Ourense e nas que é posible participar cunha fila cero en caso de non poder asistir.

Gala para toda a familia

A gala abrirá as portas ás 17.00 horas e comezará ás 18.00. O programa inclúe as actuacións de Xulio Merino e Lara Doiro, a Escola de Danza Estilo Libre, Paco Nogueiras e dous profesionais ben coñecidos no hospital, e que colaboran habitualmente en iniciativas solidarias a enfermeira e cantante Maite López, acompañada ao piano polo médico internista Antón Otero, ao piano.

No vestíbulo do auditorio haberá actividades para os máis pequenos, pintacaras, un obradoiro de chapas e outras actividades. As entradas custan 8 euros e son gratuítas para os menores de tres anos. Poden adquirirse a través da plataforma Ataquilla e pode colaborarse con fila cero.

Back to top button