
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacaba esta mañá o reforzo das medidas contra o despoboamento do Goberno, “con recursos, innovación e contando cos concellos”. Díxoo durante unha visita hoxe ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, en Parada de Sil, xunto ao alcalde deste municipio, Aquilino Domínguez, e ao subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.
Na visita, o delegado coñeceu o proxecto de posta en valor do Mosteiro que realiza o Concello de Parada de Sil, grazas a unha axuda de máis de 104.000 euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a loita contra o despoboamento. “Este espazo de enorme valor patrimonial está hoxe aínda máis revalorizado como recurso turístico e elemento de reactivación económica”, sinalou.
Pedro Blanco indicou que os concellos e deputacións de Galicia reciben preto de 2 M€ anuais desta liña de axudas “para desenvolver proxectos innovadores que contribúan á transformación territorial e a fixar poboación nos municipios pequenos”. En concreto, o Ministerio destinou 1,8 M€ a Galicia na convocatoria de 2024, resolta no 2025, dos que 904.000 foron para cinco proxectos da provincia de Ourense (Entrimo, Parada de Sil, Vilar de Barrio, O Bolo e unha agrupación de concellos liderada por Taboadela). Da convocatoria de 2025, resolta de forma provisional este verán, benefícianse oito concellos galegos e dúas deputacións.

Ademais, o delegado quixo animar a todas as entidades locais galegas a que deseñen os seus proxectos e se presenten á vindeira convocatoria na que o Goberno duplicará a contía respecto ao ano pasado, ata alcanzar os 80 millóns de euros, tal e como aprobou o Consello de Ministros a semana pasada. “O reto demográfico precisa iniciativas que fomenten a actividade económica, mellorando os servizos, aproveitando os recursos propios de cada territorio e xerando condicións para que as persoas poidan vivir no rural”, remarcou.
Pedro Blanco puxo en valor o traballo do Concello de Parada de Sil e agradeceu ao alcalde, Aquilino Domínguez, a súa aposta por este proxecto e o seu compromiso coa dinamización do rural.
Percorrido virtual no mosteiro
O proxecto de Parada de Sil leva o nome de “Posta en valor do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil como elemento Patrimonial para a reactivación económica do concello de Parada de Sil”. Consiste na incorporación dun percorrido con imaxes 360º, que permite ao visitante asomarse ao mosteiro na súa época de máximo esplendor, o século XII.
O percorrido virtual articúlase ao redor de cinco puntos de visualización e conta con personaxes animados que recrean a vida monástica da época. O contido, accesible tanto desde web como desde o móbil mediante códigos QR, está dispoñible en español, galego, inglés e francés. Este proxecto está cofinanciado nun 90% pola Secretaría Xeral para o Reto Demográfico e nun 10% polo Concello de Parada de Sil.
A iniciativa inclúe dúas actuacións complementarias: un planificador de roteiros turísticos con intelixencia artificial, que permite personalizar os itinerarios de cada viaxante a través da combinación de ata un centenar de recursos do municipio e a súa contorna e a contratación de persoal de visitas guiadas para o mosteiro, que se materializou ao longo das anualidades 2025 e 2026.
Con este proxecto, o Concello de Parada de Sil busca seguir convertendo o seu principal recurso patrimonial nun motor de dinamización económica e turística, en liña cos obxectivos de cohesión territorial e loita contra o despoboamento que impulsan as administracións implicadas.
