OurenseÚltima hora

A Deputación mobiliza preto de 1,5M€ para reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo

A Xunta de Goberno desta semana aborda 47 asuntos, con 1.181.628,07 euros para actuacións municipais e 313.451,99 euros para entidades sociais, culturais, deportivas e de promoción do territorio

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense abordou hoxe 47 asuntos que supoñen mobilizar un total de 1.495.080,06 euros, destinados fundamentalmente á cooperación cos concellos e á colaboración co tecido asociativo da provincia. En concreto, 1.181.628,07 euros corresponden a 30 axudas aos concellos, mentres que outros 313.451,99 euros se destinan a 16 axudas a entidades sociais, culturais, deportivas e de promoción do territorio.

O presidente da Deputación, Luis Menor, enmarcou os acordos desta semana no ritmo de actividade retomado pola institución tralo parón estival. Así, nas tres Xuntas de Goberno celebradas os días 17, 24 e 31 de agosto mobilizáronse xa 3.096.463,53 euros nestes dous grandes ámbitos de cooperación: 1.856.440,77 euros para os concellos e 1.240.022,76 euros para o tecido asociativo.

“Son máis de tres millóns de euros en apenas tres sesións da Xunta de Goberno, unha cifra que amosa o ritmo de traballo desta institución e, sobre todo, a nosa vontade de transformar os recursos provinciais en mellores servizos, investimentos, actividade e oportunidades para a provincia”, destacou Menor e “reflicte unha Deputación activa e próxima, que está ao lado dos concellos e das entidades e que fai chegar os recursos provinciais ao territorio para convertelos en servizos e oportunidades para os ourensáns”.

Máis de 1,18 millóns de euros para os concellos

No bloque de cooperación municipal, a Deputación destina esta semana 1.181.628,07 euros a 30 axudas, dirixidas a actuacións en abastecemento e saneamento, vías e espazos públicos, instalacións deportivas, equipamentos, turismo, cultura e prestación de servizos municipais.

A actuación de maior contía corresponde ao Concello de Barbadás, que recibe 262.417,53 euros para a terceira fase da ampliación do polideportivo municipal. Tamén destacan 136.058,83 euros para San Cristovo de Cea, destinados ao afirmado de camiños en Faramontaos de Viña, e 125.000 euros para San Cibrao das Viñas, para a humanización do Campo da Vela.

A Deputación achega ademais 79.238,47 euros á Merca para a mellora do acceso ao monumento en recordo de Miguel Ángel Blanco; 48.000 euros a Avión para renovar os sistemas de seguridade e control de acceso ao centro Alvetus; e 43.980,60 euros a Boborás para obras de mellora e investimento nas redes de abastecemento, saneamento e pluviais.

No ámbito dos servizos básicos, Beade recibe dúas achegas, de 40.000 e 22.000 euros, para melloras no abastecemento e no saneamento; Beariz, 40.000 euros para acondicionar camiños en Magros e A Ermida; e Leiro, 34.000 euros para a mellora de espazos públicos en Corneira.

A cooperación municipal abrangue tamén iniciativas turísticas, culturais e deportivas. Lobios recibe 30.000 euros para Xurés Xperience e 19.988,06 euros para equipamento e elementos deportivos; mentres que Parada de Sil contará con 30.000 euros para o Plan de Sostibilidade Turística e 20.000 euros para gastos de persoal e mantemento da colección museográfica da Casa do Chocolate de Teimende.

Tamén se destinan 40.000 euros a Maceda para gastos de funcionamento do GES e 20.000 euros a Rairiz de Veiga para a Romaría da Saínza, entre outras actuacións.

 

 

Máis de 313.000 euros para o tecido asociativo

O segundo gran bloque da Xunta de Goberno corresponde á colaboración con entidades, con 16 axudas que suman 313.451,99 euros.

A achega de maior contía é a destinada á Academia Galega do Audiovisual, que recibe 87.500 euros para as súas actividades. A Deputación concede tamén 35.000 euros á Fundación Otero Pedrayo para gastos de funcionamento e 31.051,99 euros á Fundación Juana de Vega para o proxecto Souto LAB.

No eido deportivo destacan os 30.000 euros para a Federación Galega de Baloncesto, destinados á Copa Deputación de básquet e minibásquet masculino e feminino. Tamén se apoian, entre outras entidades, o Antela Fútbol Club, o Club Ximnasia Pavillón Ourense, o Club Código Bike Team, a Escudería Ourense e o Grupo Cuevas Nogueira Trail.

No ámbito social, ALCER recibe 13.000 euros para gastos de funcionamento, mentres que a Asociación Cultural Ruta do Viño do Ribeiro contará con 25.000 euros para actividades de promoción da Ruta do Viño do Ribeiro.

Completan este bloque outras colaboracións con entidades culturais, deportivas e fundacións, entre elas 15.000 euros para a Asociación Novo Rural do Ribeiro-Carballiño, 6.000 euros para a Asociación Música e Cultura de Galicia, 3.000 euros para a Fundación Luis Tilve e 3.000 euros para a Federación Española de Salvamento Acuático para o Campionato de España.

Back to top button