
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitaba esta mañá Castrelo do Val, onde mantiña unha reunión coa súa alcaldesa, Cristina Gómez, na Casa do Concello, nun primeiro encontro entre ambos tras a súa incorporación á Alcaldía. O subdelegado do Goberno trasladoulle a Cristina Gómez seus mellores desexos para esta nova etapa á fronte do Concello, ao tempo que puxo en valor a importancia da colaboración entre as diferentes Administracións para dar resposta ás necesidades dos municipios e da súa veciñanza.
O encontro permitiu abordar dous asuntos de interese para Castrelo do Val e para o conxunto dos concellos ourensáns, como as axudas para facilitar o acceso á vivenda das persoas novas en municipios de pequeno tamaño e o desenvolvemento do convenio asinado entre o Concello e a Confederación Hidrográfica do Douro.
Apoio á adquisición de vivenda para persoas novas
Un dos principais asuntos tratados foi a convocatoria de axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos galegos con poboación igual ou inferior a 10.000 habitantes, destinada a facilitar o acceso á propiedade por parte das persoas novas. A convocatoria, publicada polo Diario Oficial de Galicia, está financiada polo Ministerio de Vivenda e vinculada ao Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, aprobado polo Goberno de España. O programa contempla axudas de ata o 20 % do prezo de adquisición ou do custo da autopromoción, cun máximo de 15.000 euros por vivenda. (IGVS)
As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o 16 de novembro de 2026. Entre os requisitos establecidos atópase ter menos de 36 anos e que a vivenda estea situada nun municipio cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes. No caso da adquisición, o prezo da vivenda, incluídos os anexos, non poderá superar os 250.000 euros.
Durante o encontro, Eladio Santos e Cristina Gómez coincidiron na importancia deste tipo de medidas para favorecer o acceso á vivenda das xeracións máis novas e contribuír á fixación de poboación nos municipios rurais, facilitando que as persoas novas poidan desenvolver o seu proxecto vital nestes concellos.

Un espazo da CHD en Castrelo do Val
Outro dos asuntos tratados foi o convenio entre o Concello de Castrelo do Val e a Confederación Hidrográfica do Douro (CHD). O acordo permite á Confederación utilizar unha oficina con acceso independente situada na planta baixa da Casa Consistorial de Castrelo do Val para o desenvolvemento das actividades da súa Gardería Fluvial na provincia de Ourense. O obxectivo é facilitar a presenza e o traballo deste organismo no territorio e mellorar a prestación dos servizos públicos no ámbito das competencias de ambas as Administracións.
O subdelegado destacou que a colaboración institucional entre Administracións é esencial para achegar os servizos públicos ao territorio. “É unha oportunidade para facilitar a atención e xestión dos asuntos relacionados co dominio público hidráulico nos municipios ourensáns integrados na demarcación da Confederación Hidrográfica do Douro”, salientou.