
O OUFF · Ourense Film Festival dá un salto de ambición na súa 31ª edición coa profunda transformación da súa sección Inédito. Tradicionalmente vinculada a títulos xa comercializados en España que non chegaran ás liñas de exhibición da provincia, a sección elimina este ano calquera barreira xeográfica para converterse nunha fiestra de grandes estreas autonómicas, nacionais e títulos sen distribución comercial prevista ata 2027. Tódalas proxeccións desta liña de programación terán lugar en Galicine, os cines do centro comercial Ponte Vella.
Composta por un total de cinco longametraxes, o festival desvela hoxe os dous primeiros títulos desta selección internacional que amosa o compromiso do OUFF por traer a Ourense o mellor cinema recente.
O milagre dun guión inédito de Fellini: Napoli New York
Un dos grandes fitos da edición será o debut absoluto en España de Napoli New York, dirixida polo cineasta italiano Gabriele Salvatores, gañador do Óscar por Mediterráneo. A gran singularidade do filme reside na súa orixe: o guión foi escrito en 1948 por Federico Fellini xunto ao seu amigo e histórico colaborador Tullio Pinelli, permanecendo inédito e gardado nun baúl durante case sete décadas. Non foi ata que Pinelli, aos seus 97 anos, lle confiou este baúl ao crítico e erudito Augusto Sainati cando o texto saíu á luz, converténdose en 2024 nunha longametraxe que xa acadou un éxito arrollador en Italia con máis de 5,3 millóns de euros de recadación en taquilla.
Ambientada a finais dos anos 40, a historia segue a Carmine e Celestina (de 12 e 9 anos), dous nenos da rúa napolitanos sen familia que embarcan clandestinamente nun buque rumbo a Nova York na procura dunha nova vida. En palabras do propio Salvatores, atopar este documento orixinal de 80 páxinas supuxo un auténtico milagre cinematográfico para levar á pantalla unha emotiva historia de supervivencia e esperanza.
Preestrea exclusiva de The Man I Love con Rami Malek
A sección Inédito acollerá tamén a proxección de The Man I Love, longametraxe protagonizada polo gañador do Oscar Rami Malek (Bohemian Rhapsody). Tras triunfar no Festival de Cannes e formar parte da sección Perlak do Festival de San Sebastián, a película vén a Ourense nunha oportunidade única para o público galego, xa que a súa chegada ás salas comerciais de cinema non está prevista ata o ano 2027.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia.