SanidadeÚltima hora

Valdeorras volverá manifestarse en defensa da sanidade pública o 17 de outubro

A Plataforma Sanitaria de Valdeorras vén de acordar esta mobilización, tras unha reunión celebrada este 5 de setembro

 

O edificio Multiusos do Barco acollía na tarde deste 5 de setembro unha reunión da Plataforma Sanitaria de Valdeorras de cara a convocar mobilizacións neste outono en defensa da sanidade pública tanto na atención primaria como na hospilaria no oriente ourensán.

No encontro facíase unha análise de cal é nestes momentos a situación na atención e nos servizos hospitalarios do Distrito Sanitario de Valdeorras, ao que tamén pertencen concellos doutras comarcas como Viana do Bolo, Manzaneda ou Trives.

Neste senso, incidíase na necesidade de cobertura dunha serie de prazas no Hospital Público de Valdeorras e tamén se plantexaba que vai acontecer con aquelas prazas médicas de difícil cobertura que nestes momentos están ocupadas, pero nas que xa se cumprir o prazo de dous anos no que os facultativos xa poderían pedir outro destino. Falábase tamén da necesidade de dotar dun neumólogo permanente ao hospital, de que se faga un estudo de prevalencia da silicose na comarca, así como da necesidade dunha ambulancia de soporte vital avanzado para a comarca. Os representantes da platafomra tamén consideraban necesario coñecer datos da actividade asistencial do hospital, así como o seu número de consultas externas.

 

 

Por todo iso, acordábase convocar unha manifestación en defensa da sanidade pública neste distrito sanitario para o vindeiro 17 de outubro ás 17:30h. “Os motivos son os mesmos que anteriores convocatorias”, resumía un dos voceiros da plataforma, Suso Vilasánchez.

Na semana que vén está previsto que se celebre unha asemblea aberta a toda a sociedade, cuxa data se fará pública en breve, de cara a concretar os grupos de traballo para preparar a manifestación.

Fotos: O SIL.

Back to top button