
Na noite do domingo 6 de setembro rescataban o cropo sen vida dun varón falecido do interior dun lagar en Monterrei. Tal como indican dende o 112 Galicia “o home atopábase facendo viño no interior dun lagar situado na parroquia de Flariz, no lugar de Sandín”.
O aviso chegaba ao 112 Galicia ás 21:50 horas, a través do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que informaba de que “os veciños levaban aproximadamente unha hora sen ter noticias do home”. Minutos despois, comunicaban que “o varón atopábase no interior do lagar e que os veciños estaban tratando de retirar o seu corpo. Unha vez no exterior, o persoal sanitario confirmou que o home falecera e que nada se podía facer por salvarlle a vida”.
Desde o 112 Galicia solicitaban a intervención dos Bombeiros de Verín para facer fronte á emerxencia. “Á súa chegada, os efectivos realizaron medicións no interior do lagar e comprobaron que a concentración de osíxeno era de apenas un 10 por cento, debido ao proceso de fermentación do viño, unha situación incompatible coa vida”. Tamén foran alertados os axentes da Garda Civil.