
O OUFF · Ourense Film Festival comeza a desvelar o cartel da súa 31ª edición cun avance da Sección Oficial Internacional, un dos piares fundamentais do certame. Esta edición destacará por unha altísima calidade artística e pola diversidade das súas propostas, reunindo traballos persoais, óperas primas e cineastas de longo percorrido.
A selección ofrecerá un abano temático de gran riqueza: dende o cine social máis directo —con dramas que abordarán o maltrato, as adiccións ou a crise da vivenda— ata xéneros como o thriller, o suspense e a comedia que, sen perder a súa raíz social, achegarán dinamismo á competición.
Aínda que a programación completa se descubrirá o vindeiro 21 de setembro, o OUFF confirma xa tres títulos de relevancia internacional que terán o seu marco de proxección en Ourense.

Terra Vil (Luís Campos) · Estrea nacional e preselección aos Óscar
Ópera prima do director portugués Luís Campos, Terra Vil preséntase como un drama cunha posta en escena e unha fotografía extraordinariamente coidada. A película chega ao OUFF tras causar un gran impacto no Festival de São Paulo e ser preseleccionada pola Academia Portuguesa de Cinema para representar a Portugal na carreira cara ao Óscar á Mellor Película Internacional 2027.
O seu reparto destaca polo debut do xove William Cesnek, acompañado por Rúben Gomes e por Lúcia Moniz, unha das actrices máis recoñecidas do cine portugués (Love Actually, Fátima, Marea Negra).
Fjord (Cristian Mungiu) · A Palma de Ouro de Cannes chega a Galicia
Como xa é tradición, o OUFF volve traer a Galicia a película gañadora da Palma de Ouro do Festival de Cannes. Tras o éxito da iraniana Un simple accidente na pasada edición, o festival acolle Fjord, a nova obra do romanés Cristian Mungiu, un dos dez únicos directores na historia do cine en obter dúas veces o máximo galardón de Cannes.
A película aborda con profundidade cuestións como a educación e a relixión, e conta cun reparto encabezado por Sebastian Stan (Cisne negro, saga Los Vengadores) e Renate Reinsve (La peor persona del mundo, Valor sentimental).
Fjord é a candidata oficial de Romanía aos Óscar 2027 e non se estreará nas salas comerciais de España ata xaneiro do vindeiro ano, polo que a súa proxección no OUFF será unha oportunidade única para o público.

The Wolf, The Fox and The Leopard (David Verbeek) · Estrea en España
O cineasta David Verbeek asina un drama pouco convencional e impredecíbel que se constrúe coma un conto de fadas escuro sobre a liberdade e a supervivencia.
Cunha potente presenza de efectos visuais, a historia segue os pasos dunha xove criada por lobos no bosque que se ve empurrada, contra a súa vontade, a enfrontarse á sociedade moderna e a un mundo ao bordo do colapso ambiental.
O filme, que terá no OUFF a súa estrea nacional, conta cunha inesquecíbel interpretación de Jessica Reynolds e coa participación da lenda do cine xaponés Naomi Kawase.
A programación completa da Sección Oficial Internacional, así como do resto de seccións e actividades paralelas desta 31ª edición do OUFF, desvelarase en detalle o vindeiro 21 de setembro.
A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizado pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, ademais doutros patrocinios.
Fotos cedidas.