ConcellosÚltima hora

Unha escultura homenaxea no Barco ás antigas bateadoras de ouro valdeorresas

 

Dende esta mañá pode verse no Paseo do Malecón do Barco, moi preto do Teatro Lauro, unha nova escultura. Trátase dunha homenaxe ás aureanas, as antigas bateadoras de ouro do río Sil, que dende ben antigo traballaban ás beiras do seu curso na procura deste cobizado metal. Ademais, representa un fito no Camiño de inverno, para que os peregrinos poidan coñecer mellor e vincularse coa historia da comarca pola cal camiñan.

Así se expoñía no acto inaugural desta intervención artística, enmarcada dentro do campo de voluntariado xuvenil “Camiño de Inverno: Natureza e Arte en cada paso”, dentro da programación Acción de Verán da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia e promovido por Eco dos Teixos.

Nesta actividade participan unha decena de mozos e mozas voluntarias procedentes de diversos puntos de España (das provincias de Castellón, Valencia, Madrid, Sevilla, Albacete, Ourense e Pontevedra) que, entre outras iniciativas, realizaba (baixo a coordinación de Artesanía Enxebre) a escultura da aureana, que conlevaba un proceso previo de documentación.

 

 

Máis alá da creación artística, o voluntariado desenvolverá importantes actividades ambientais e de conservación ao longo da ruta do Camiño de Inverno e do río Sil. Entre as actuacións previstas destacan o control manual e erradicación de flora vascular invasora, a limpeza e acondicionamento de puntos críticos e zonas de baño fluviais, a creación de refuxios para a fauna autóctona con materiais do terreo e a sinalización en sendeiros como o da Fervenza da Pincheira.

No acto de presentación desta nova escultura participaban, ademais dos mozos autores da escultura, e dos responsables de Artesanía Enxebre e Eco dos Teixos, O alcalde do Barco, Aurentino Alonso. A escultura completarase cunha base de lousa, pendente de colocar. E, na placa instalada na peza, incorporouse un cógido QR no que pode accederse á información sobre as aureanas.

Fotos cedidas.

 

Back to top button