SanidadeÚltima hora

Investigadores do IDIS identifican no calostro bovino moléculas con potencial terapéutico en cancro

O estudo, impulsado a partir dunha iniciativa xurdida do rural galego, mostra que as vesículas extracelulares presentes no calostro frean de forma reversible a proliferación de células de cancro gastrointestinal e aumentan a súa sensibilidade á quimioterapia

De esquerda a dereita, Manuel Rodriguez, Susana Bravo, Yessica Dominguez, Isolina Raña, Rafael López, Brigida Hermida, Jorge Barbazán, Claudia Huesa e Miguel Abal./ Cedida.

Unha iniciativa nada no rural galego e trasladada ao laboratorio permitiu descubrir novas propiedades das vesículas extracelulares presentes no calostro bovino. Investigadores do grupo Oncomet do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), en colaboración co servizo de Proteómica e o grupo de Investigación Translacional en Enfermidades do Aparello Dixestivo, acaban de publicar en Journal of Extracellular Vesicles un estudo que revela o potencial destas vesículas para modular o comportamento de células tumorais gastrointestinais.

A orixe do traballo constitúe ademais un exemplo de como a sociedade pode participar activamente na xeración de novas preguntas científicas. A investigación xurdiu da iniciativa de Isolina Raña, de Granxa Raña S.C.; Teresa Antelo, de Granxa Devesa Langueirón; e Brígida Hermida, de Xearte Brigitte, quen trasladaron aos investigadores o seu interese por explorar cientificamente as posibles propiedades do calostro bovino. A súa proposta deu lugar a unha colaboración entre a experiencia e a investigación biomédica desenvolvida no IDIS.

O calostro bovino, o primeiro leite producido tras o parto, é especialmente rico en vesículas extracelulares (VE), pequenas estruturas liberadas polas células que transportan proteínas e outras moléculas implicadas en procesos como a regulación inmunitaria, o desenvolvemento e a sinalización celular. Estudos anteriores suxeriran que algunhas destas vesículas poderían exercer efectos bioactivos, pero os seus mecanismos de acción sobre células tumorais seguen sendo pouco coñecidos.

“Neste traballo demostramos que as vesículas extracelulares derivadas do calostro (Col-EVs, polas súas siglas en inglés) exercen efectos antiproliferativos en modelos de cancro gastrointestinal”, explica Claudia Huesa, primeira autora do estudo e investigadora predoutoral do grupo Oncomet. “O efecto é reversible e, ademais, potencia a acción de axentes quimioterápicos utilizados habitualmente na clínica”.

O estudo mostra que estas vesículas inducen un estado de bloqueo do crecemento en liñas celulares de cancro colorrectal e pancreático, así como en organoides derivados de pacientes con adenocarcinoma pancreático. “As células deixan de proliferar, reorganizan a súa cromatina, alteran o citoesqueleto e modifican a súa adhesión, pero sen activar a apoptose ou morte celular programada”, sinala Huesa.

Cando as vesículas se retiran do medio de cultivo, as células recuperan en gran medida a súa capacidade proliferativa e a súa arquitectura nuclear. Ademais, parte dos cambios observados poden reverterse mediante un inhibidor xa aprobado para uso clínico, o que apoia a participación de mecanismos de remodelación epixenética. Os investigadores comprobaron tamén que as células tratadas con Col-EVs se volvían máis sensibles ao 5-fluorouracilo, un quimioterápico de uso habitual. Estes resultados apuntan a que as vesículas poderían estudarse no futuro como moduladores ou adxuvantes doutros tratamentos, máis que como axentes directamente citotóxicos.

Para Jorge Barbazán, investigador principal do estudo, os resultados abren unha nova vía de investigación: “Os nosos achados mostran que as vesículas derivadas do calostro poden frear de maneira reversible a proliferación das células tumorais mediante cambios na súa arquitectura nuclear e transcricional. Isto abre a posibilidade de estudar estas vesículas de orixe natural e biocompatible como unha ferramenta para modular o comportamento tumoral e a resposta aos tratamentos convencionais”.

Da sociedade ao laboratorio, e do laboratorio a novas preguntas

Máis aló dos resultados experimentais, os investigadores destacan o modelo de participación social que deu orixe ao proxecto. Neste caso, a investigación non partiu exclusivamente dunha pregunta exposta dentro do laboratorio, senón dunha inquietude procedente de persoas vinculadas ao sector rural, gandeiro e empresarial, que atoparon no IDIS unha contorna na que someter esa idea ao método científico.

“A ciencia tamén pode avanzar cando escoita as preguntas que xorden fóra dos centros de investigación. A iniciativa e o pulo destas mulleres do rural leváronnos a estudar unha cuestión que probablemente non teriamos abordado doutro xeito”, destaca Barbazán. “É un bo exemplo de como o diálogo entre a sociedade e os investigadores pode xerar novas liñas de coñecemento”.

Ese intercambio xa está dando lugar a novas preguntas. A partir da iniciativa inicial, o equipo comezou a explorar o posible impacto do calostro en afeccións bucais asociadas á radioquimioterapia, ampliando así unha liña de investigación que naceu da interacción directa entre cidadanía e comunidade científica.

Os investigadores subliñan que os resultados publicados son preclínicos e non demostran aínda un beneficio terapéutico en pacientes, pero si proporcionan unha base científica para continuar investigando as propiedades destas vesículas de orixe alimentaria, cuxa estabilidade no tracto dixestivo xa fora descrita previamente.

Deste xeito, un recurso estreitamente ligado ao sector primario e ao rural convértese no punto de partida dunha investigación biomédica en cancro, mostrando o potencial de achegar a ciencia á sociedade non só para comunicar os seus resultados, senón tamén para incorporar a cidadanía no propio proceso de xeración de coñecemento.

Back to top button