ConcellosÚltima horaVídeos

O Castro Caldelas rende culto á Virxe dos Remedios

 

Os Cabezudos e o Irrio Peliqueiro volvían percorrer as rúas do Castro Caldelas na mañá deste mércores 9 de setembro, un dos días grandes das festas na honra da Virxe dos Remedios.

 

 

A xornada comezaba cun pasarrúas da Charanga Nova de Trives chegando ás 12:30 horas cunha concorrida misa na igrexa parroquial cantada polo coro da Confraría de Nosa Señora dos Remedios do Castro Caldelas. Deseguido, comezaba a procesión curta, ata a praza, coa imaxe da Virxe e o acompañamento musical da charanga  guiada polo propio Irrio, personaxe que encarna en si mesmo “toda a tradición destas festas, como o elemento máis característico do folclore de Caldelas. A persoa que o encarna, sempre con identidade oculta por unha barbada máscara de madeira e vestido cun frac, no que resaltan os grandes botóns, vai provisto dunha vara coa que persigue e golpea a xente, o cual está entre os seus curiosos dereitos”, tal e como se destaca dende o Concello. Un ritual que repite cada ano trala procesión.

 

 

A xornada completarase con baile de disfraces; e festa e verbena coa orquestra Triunfo.

 

 

 

O fin de festa será mañá xoves 10 de setembro. Ás 13h. haberá misa polo confrades difuntos e abrirase a XXIX Feira-Concurso de Gando Bovino no recinto do Toural, coa actuación no propio espazo feiral da charanga TDB, exposición e premios á Rubia Galega, Caldelá e Vianesa. Tamén haberá subasta de novelas, desfile de carros tradicionais con xugadas de bois polas rúas da vila e o recinto feiral, rematando a xornada coa actuación da orquestra La Oca Band.

 

 

Fotos e vídeo: O SIL.

Back to top button