
Renovarse ou morrer. É un lema que cobra todo o seu significado na vida da deseñadora e artista Marisú Miranda. “Abúrrome das cousas á parte de que a miña carreira está cambiando constantemente. A moda como a vía eu de moza non existe, agora é todo produción, baixo custe, que un pantalón sirva para moitas tallas… A xente xa non cose, case non queda xente que faga arranxos. Agora non vexo creatividade, por iso tiven que reinventarme para poder seguir creando con liberdade, teño que estar sempre facendo cousas novas”, asegura.
Pertence á terceira xeración Miranda, un apelido de referencia no mundo do téxtil en Valdeorras e creceu entre teas. Marisú Miranda Rodríguez sempre tivo claro que quería estudar deseño, nunha época na que non se lle vía moito futuro e o seu pobo quedóuselle pequeno. Por iso marchou estudar a Barcelona e a partires de aí, influenciada pola visión empresarial da súa nai Carmen e a creatividade do seu pai Pepe, comezaría a súa aventura viaxando e traballando para numerosas empresas do sector ata que conseguía facer realidade o seu soño: crear a súa propia firma de roupa e teas exclusivas, MM Moda, nunha tenda/ boutique que rexentou durante anos en Tampa (Florida) en pleno EE.UU.
Pasaron os anos e a mente inqueda de Marisú, xunto coas circunstancias persoais e familiares, obrigábana a desenvolver moitos e moi variados proxectos, cambiando tamén de residencia ata chegar a vivir, como fashion artist, en Savannah (Georgia) de onde vén cada vez con máis frecuencia ao seu pobo, O Barco, onde está a ser unha das protagonistas desta edición das Festas do Cristo. Din que ninguén e profeta na súa terra pero de momento xa creou o cartel das festas e unha bonita exposición que sorprenderá a quen a visite. A inauguración de “Xentes de Valdeorras” será mañá, xoves 10 de setembro, ás 20:30 horas na Sala Abanca (praza do Príncipe). Antes, para falar dos seus novos proxectos, pásabase pola redacción do Periódico O Sil, amosando a camiseta que ela mesma creou, coa ilustración do cartel.
Creache a túa propia marca, deches clases, fuches asesora… e agora creas ilustracións de moda. Como chegas ata aquí?
Sigo asesorando, sobre todo a estudantes e tamén de forma particular en estilismo porque agora a xente dase conta do difícil que é. Levo dous anos instalada en Savannah onde está a universidade máis grande de EE.UU. de cine, arte e moda, a Savannah College os Art of Desing, e tiña traballo como profesora pero non era para min. De feito montei un taller en casa. Aí lévase moito o de facer as ilustracións en vodas e case todo o mundo o fai tipo caricatura pero as miñas destacan porque se parecen moito á realidade polo que tiven moito éxito e foi o que me empuxou. Iso e dar clases de ilustración de moda, vou como voluntarias ás escolas e tamén dou clases particulares a turistas porque é unha cidade que se fixo famosa polas despedidas de solteira co cal énchese de grupos de mozas. O que fago agora chámase Experiencia de Ilustración de Moda.

En que consiste?
Ti podes vir ao meu taller, que parece unha boutique porque conservo moitos traxes e vestidos exclusivos ademais de accesorios de diferentes países, e mentres compras eu debúxote, unha experiencia que funciona moi ben polo que sigo reinventándome. Fixen cousas para museos e o cartel e a exposición do Barco fíxeno polas festas pero realmente é moi importante para a miña carreira porque quero facer arte para galerías.
Podemos dicir que este é o inicio dunha nova etapa na túa carreira profesional?
Pois si, facer ilustracións de moda pero enfocadas cara a rama artística, algo que sempre tapei. De pequena lembro que cando escollín a escola de moda porque mamá cosía e papá pintaba, fíxeno porque pensei que como pintora non se ganaban cartos mentres que con moda sempre podía pintar aínda que non o vendera e por iso escollín esa carreira, pero a min o que me gusta dende sempre é debuxar e deseñar, porque normalmente cambio o estilismo da xente que pinto. Dame liberdade para crear que é o quero, aínda que sigo facendo traxes para clientas que teño, iso si máis que á medida e novos como antes, o que fago é reciclar, cambiando pezas moi caras pero pasadas de moda, porque o outro xa non me apetece e tampouco teño equipo para facer os traxes de principio a fin, algo que non obstante manteño para casos especiais, tendo sempre liberdade para crear.
Galicia segue sendo a túa fonte de inspiración?
Sempre, e de feito na pintura fáltame poder tocar, algo importante para min e que boto de menos polo que empecei a facer escultura. O primeiro experimento será unha escultura da moza que protagoniza o cartel das festas foi Barco (unha moza moderna en vaqueiros pero co pano na cabeza, zocos e tocando a gaita) que é o inicio dunha historia, de onde sairán máis elementos polo que estou tomando clases cun escultor moi bo en Savannah. Como botaba de menos tocar as obras que creo, o que estou facendo é coser en lenzos grandes. Sempre fun unha deseñadora moi experimental e normalmente fago cousas para min pero agora estou máis metida na miña arte e gústame aprender e probar asíe que comecei a coser as pezas a tamaño real. Vestidos que saen do armario para ocupar unha parede ou formar parte dunha composición artística, ombreiras con algo especial, pezas que cambian de función,…

E como naceu “2Xentes de Valdeorras”?
Consciente de que nesta zona non hai galerías de arte, pensei nalgo no que houbera participación e claro aquí as ilustracións de moda non son tan coñecidas como para que a xente as compre como cadros porque non as consideran arte ao nacer pola necesidade de crear un boceto. Hai moita xente que debuxa ben pero non precisamente os dos grandes deseñadores porque non é necesario pero como eu sempre dibuxei ben, pensei que no Barco, ao ter que vir tan a menudo por motivos familiares, podía probar e nun primeiro momento a idea era facelo un día só e un par de ilustracións rápidas no momento para dalas a quen pousara pero non quería facelo tan rápido, porque me parecía unha forma moi bonita de coñecer á xente porque ao facerlle a foto, pedíalles responder a unhas preguntas e tres fotos máis para poder captar a súa personalidade. Ao final participaron 60 persoas das que poucos respondían ás preguntas polo que tiven que fiarme da miña intuición, guiarme pola enerxía da cara… foi todo un reto para min e gustoume moito. Un experimento moi bonito e moi personal.
Que veremos na exposición?
Haberá como unha táboa co debuxo de cada persoa na que non só figure o nome senón algúns dos rasgos que eu vin nela, forzando tamén á xente a ler, para que conecte. Hai moito traballo detrás, non vaias pensar, moitas horas. Os debuxos son grandes, retratos en toda regla, con moito detalle, pero non son fotos. Todos levan o meu toque persoal. Destaco as pestanas, a boca ou o pelo, esaxero un colo ou un xesto, pinto trazos e introduzo coes inesperadas,… Estou formada para facelo pero sigo aprendendo constantemente. Foi moi bonito ter esa liberdade para plasmar o que me nacía con cada persoa, o que me imaxinaba… Son bastante intuitiva e cada un ten un detalle. E cada un poderá levalo cando se peche a mostra porque quixen compartila coa xente, neste ano no que fixen moitas viaxes, para integrarme e romper esa idea de que só fago vestidos de gala, porque non é verdade.
É o comezo nun novo proxecto?
Si. Calculando a idade que teño e que pretendo virme a vivir para aquí, gustaríame debuxar entre 20 e 30.000 persoas. Sería bonito chegar a ter libros cos debuxos da xente dos pobos porque ao principio ía ser unicamente xente do Barco pero ao final viñeron de Viana, de Rubiá, de Covas,… Foi un experimento pero creo e espero que poida ir a máis.
Texto: Mónica G. Bellver
Fotos: O SIL.