SanidadeÚltima hora

Comezan os preparativos da manifestación en defensa da sanidade pública do 17 de outubro no Barco

A Plataforma Sanitaria de Valdeorras celebraba esta tarde unha asemblea para comezar a organizar esta mobilización

 

“Temos motivos de sobra para volver saír á rúa en defensa dunha sanidade pública, resolutiva e cercana”. Era unha das conclusións da asemblea aberta ao público celebraba a Plataforma Sanitaria de Valdeorras na tarde deste 9 de setembro no edificio Multiusos do Barco.

Nela interviñan Suso Vilasánchez e Orlando Saavedra, os dous voceiros deste colectivo, que integra a diferentes asociacións, sindicatos e partidos políticos. Vilasánchez abría a reunió facendo un repaso da situación na que se atopa a sanidade na comarca, comentando as necesidades existentes en canto a servizos e especialidades no Hospital Público de Valdeorras, pero tamén a nivel de Atención Primaria, no Distrito Sanitario do Barco, en canto a prazas de médicos.

Comentaba así mesmo a falta de estudos de prevalencia das doenzas na zona, o que permitiría, indicaba, dar unha mellor resposta ás demandas sanitarias propias de Valdeorras. Vilasánchez referíase ademais á necesidade dunha ambulancia de soporte vital avanzado, matizando que Valdeorras e Verín son únicos os dous distritos santiarios que carecen dela. E aludía, ademais a ausencia de datos e información, malia terse solicitado dende a Comisión de Centro e os sindicatos, sobre a actividade asistencial e cirúrxica do Hospital de Valdeorras. “Tamén queremos saber que tipo de criterios se seguen á hora de dotar dunha praza de médico a un centro de saúde”.

Para Orlando Saavedra, que considera “seguimos nun escurantismo total”, esta situación deriva da perda da área sanitaria de Valdeorras, “e iso foi un xeito de irnos quitando progresivamente recursos e servizos. E é tal a incerteza que a poboación acábase acostumando. Se non saímos á rúa e seguimos reivindicando, vannos quitar o que nos pertence por dereito, que é unha sanidade resolutiva e cercana”.

 

 

 

Saavedra lembraba que cada vez que unha persoa se despraza a Ourense por motivos sanitarios iso supón un gasto económico para ela, pero tamén para o seu acompañante. “Iso implica aumentar o gasto da sanidade pero no peto das persoas”.

Por iso, concluían “hai motivos de sobra, como os había xa hai un ano, para saír á rúa e convocar esta manifestación”. E, nese senso pedían a implicación dos membros da plataforma para comezar a preparar os grupos de traballo e cara a organizar a manifestación. E tamén a implicación social para participar nela. “Se a outra vez chegamos a ser 5.000 persoas, desta volta temos que ser máis de 5.000”.

No diálogo entre os asistentes tamén xurdían propostas como facer un chamamento a outras entidades e plataformas, como é o caso da do Distrito de Verín. Os voceiros da plataforma incidían en que “as protestas funcionan e moito, temos que presionar se queremos que nos devolvan o noso hospital , que agora mesmo non é un centro de especialidades, pero pouco menos”.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button