OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén a unha persoa como autora de 4 delitos de roubo con forza en lavanderías de Ourense

Tras a última detención foi posto ao dispor xudicial, decretándose o seu ingreso en prisión

 

Axentes da Policía Nacional procedían á detención o 2 de setembro dunha persoa como presunta autora de catro delitos de roubo con forza, cometidos todos eles en lavanderías automáticas situadas en diferentes barrios da cidade.

Investigacións levadas a cabo polo Grupo UDEV (Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta) da Brigada de Policía Xudicial en colaboración coa Brigada Provincial de Policía Científica, acreditan a participación do presunto autor nos feitos, todos eles acaecidos durante o mes de agosto-setembro e cuxo “modus operandi” é similar.

“Os dous primeiros feitos, tiveron lugar o pasado día 28 de agosto, cando un individuo, aproveitando o horario de apertura ao público de dous establecementos situados nos barrios de Barrocanes e A Carballeira accedeu ao seu interior para forzar a máquina de cambio e apoderarse do diñeiro en efectivo”, segundo informa a Policía Nacional.

Nos outros dous feitos investigados e acaecidos en datas posteriores, “o mesmo autor accedeu a outras dúas lavanderías autoservizo situadas nos barrios da Residencia e Centro, chegando nesta ocasión para facer uso dunha máquina radial, para violentar as máquinas de cambio instaladas; producindo uns danos valorados en máis de 5.500 euros e subtraendo ao redor de 3100 euros en metálico”, prosegue a Policía Nacional.

Analizado o “modus operandi” e realizadas as correspondentes investigacións, os axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Comisaría Provincial de Ourense, lograron identificar ao presunto autor dos mesmos, sendo detido o pasado día 2 de setembro e posto ao dispor xudicial.

Sorprendido “in fraganti” noutra lavandería a pasada fin de semana

Foi o pasado día 5 de setembro cando axentes adscritos á Unidade de Policía Nacional Adscrita á Comunidade de Autónoma de Galicia, procederon á detención do mesmo individuo como presunto autor doutro roubo con forza nunha lavandería situada nunha céntrica rúa da cidade, despois de ser sorprendido no seu interior forzando a máquina de cambio, sendo posto ao dispor da autoridade xudicial que decretou o seu ingreso en prisión.

Desde o pasado mes de xuño os investigadores atribúen ao mesmo autor ata 12 roubos con forza de similares características.

Back to top button