En portadaÚltima horaVídeos

Abre as portas “Xente de Valdeorras”, a exposición de Marisú Miranda na que o protagonista é o público

A mostra, que forma parte da programación das Festas do Cristo poderá verse ata finais de setembro na Sala Abanca, no Barco

 

“A moda xa non só se usa; cólgase, debúxase, síntese e fálase dela. Moda somos todos e eu son MM Moda: porque a moda bórrase, pero non se esquece”. Con esta bonita mensaxe, escrita dun orixinal xeito con xiz no chan, daba Marisú Miranda a benvida á exposición das Festas do Cristo do Barco, na Sala Abanca (praza do Príncipe).

 

 

“Xente de Valdeorras” non é unha exposición ao uso. Trátase dun experimento artístico e social que celebra a identidade do Barco de Valdeorras a través da ilustración de moda. Arredor de 60 retratos únicos: o estilo, a actitude e a esencia de cada veciño e veciña guían o trazo da obra, utilizando a estilización e elegancia propias do debuxo de moda para capturar a súa personalidade.

 

 

“Esta exposición é un convite a reencontrarnos, a coñecer mellor a quen nos rodea e a mirar a nosa comunidade desde unha perspectiva diferente, onde a arte e a moda van da man”, asegura a propia artista, a deseñadora barquense Marisú Miranda embarcada agora nun novo proxecto no que amosa o seu potencial como ilustradora. Así, na extensa sala de exposición podemos ver os retratos nos que cada protagonista se buscaba e atopaba facilmente, porque se ben Marisú no é retratista si soubo captar a alma de cada un. Con todo, á entrada hai unha especie de guía para facilistar o traballo.

 

 

“Así é como eu os vexo”, asegura a artista que pertence á terceira xeración Miranda, un apelido de referencia no mundo do téxtil en Valdeorras polo que creceu entre teas. Marisú Miranda Rodríguez sempre tivo claro que quería estudar deseño, nunha época na que non se lle vía moito futuro e o seu pobo quedóuselle pequeno. Por iso marchou estudar a Barcelona e a partires de aí, influenciada pola visión empresarial da súa nai Carmen e a creatividade do seu pai Pepe, comezaría a súa aventura viaxando e traballando para numerosas empresas do sector ata que conseguía facer realidade o seu soño: crear a súa propia firma de roupa e teas exclusivas, MM Moda, nunha tenda/ boutique que rexentou durante anos en Tampa (Florida) en pleno EE.UU.

 

 

Pasaron os anos e a mente inqueda de Marisú, xunto coas circunstancias persoais e familiares, obrigábana a desenvolver moitos e moi variados proxectos, cambiando tamén de residencia ata chegar a vivir, como fashion artist, en Savannah (Georgia) de onde vén cada vez con máis frecuencia ao seu pobo, O Barco. Por iso na exposición non podía falta unha mostra dos seus múltiples e variados traballos, todos vencellado á moda. Dende algúns dos traxes exclusivos deseñados e elaborados por ela mesma para a alta sociedade americana ou algúns dos últimos cos que desfilou en Santo Domingo e Nova York, ata o tributo ás Tres Marías, pasando pola fusión de Colombia e España, ilustracións variadas ou a súa particular homenaxe a grandes artistas como Maruja Mallo ou Glen Close, lenzos con tea,…

 

 

Na inauguración, que tiña lugar na tarde deste xoves 10 de setembro, a concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta, dáballe as grazas á artista pola súa xenerosidade “porque non cobra por estas obras”, asegurando que para ela é unha honra poder seguir traendo exposicións con xente local “algo nada doado”. O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, pola súa banda, tamén lle daba as grazas a Marisú “por terme debuxado tan estilizado”, xa que o seu é un dos retratos que colgan das paredes.

 

 

Marisú, visiblemente nerviosa agardando a reacción da xente, aseguraba que malia o traballo (foron máis de 500 horas en total, máis a montaxe da exposición coidada ata o máis mínimo detalle), divertiuse moito facendo este traballo que a ela lle serve como escaparate para darse a coñecer como a artista que é máis alá da moda. Explicou como chegou a este punto e tamén se emocionou ao lembrar ao seu pai, xa falecido, a quen lle adica un dos cadros exposto.

Cando dicimos que esta non é unha exposición ao uso, non esaxeramos pois cada obra que a forma ten un destino final. “Ao rematar a exposición, cada ilustración seralle entregada de xeito gratuíto á persoa protagonista do retrato, pechando así o ciclo deste proxecto comunitario”, conclúe Marisú.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver/ O SIL
Vídeos: Mónica G. Bellver

Back to top button