Nunca se lle pasara pola cabeza vir a Valdeorras, nin moito menos que unha visita casual que fixo ao Barco, xusto antes de regresar a Bos Aires, ía cambiar por completo á súa vida. Pero o certo é que, case 37 anos despois daquela viaxe á vila sen ningún tipo de pretensión para facerlle un favor a un colega médico, o pediatra Ricardo Marini Fernández, natural de General Pico (A Pampa, Arxentina) non só se sente un valdeorrés máis, senón que a veciñanza barquense aplaudíao emocionada como pregoeiro das Festas do Cristo, nun sentido, sumamente emotivo e multitudinario acto que se celebraba na noite deste 11 de setembro na praza Maior do Barco. Ademais neste pregón, interrompido continuamente polos aplausos do público, o doutor Marini contaba co apoio da súa compañeira na clínica pediátrica na que segue traballando, a recepcionista Sabela.
Antes do pregón, a organización sorprendía ao pregoeiro cun vídeo no que aparecían familiares, amigos, compañeiros e mesmo nenos que foron pacientes seus e que hoxe son médicos.

Marini comezaba o seu discurso con agradecemento por ter sido escollido como pregoeiro. “Grazas por concederme a oportunidade de estar aquí, con todo este querido pobo, para con este pregón dar comezo ás tradicionais festas do Cristo, o noso Patrono, o noso Xesús Nazareno. Agradezo sinceiramente esta gran honra porque eu non nacín nestas terras; as miñas primeiras raíces están na Pampa arxentina, a onde chegaron os meus avós españoles, os pais da miña mai, alá pola década de 1890. Porén, volvín botar novamente raíces neste entrañable lugar, entre as xentes desta localidade, á que quero tanto como a miña terra natal”.
E tirando dese “sinceiro e profundo” fío do agradecemento desenvolvía o seu pregón recordando a súa ligazón cunha terra que “nos ten dado acubillo a min e a miña familia dende o primeiro momento da nosa chegada”. E o punto de partida eran as súas raíces familiares. “Quero tamén con este pregón honrar aos meus avós, italianos e españois, dos que descendo”. E, de xeito especial, lembraba o seu vínculo materno con España, e en concreto coa localidade berciana de Toral de los Vados, de onde era naturais os seus avós materno, lembrando tamén as penosas condicións nas que emigraban a Arxentina e como alí a vida foi moi dura para eles, pero aínda así seguiron adiante. E dedicáballe tamén unha lembranza especial aos seus pais.

Marini explicaba tamén como con 17 anos se trasladaba a Bos Aires para estudar Medicina e logo especializarse en Neonatoloxía. “Ter elixido esta profesión é un privilexio, que aínda a esta idade dame a vida”. Alí a Vicky con quen, co tempo, casaba e tiña dous fillos: Rodrigo e Federico. Con todo, o seu destino non estaba nesa gran urbe.
Tendo en conta a convulsa situación que vivía Arxentina alá por 1989, o doutor Marini e a súa esposa plantexábanse emigrar temporalmente a Italia, onde lle ofreceran traballo. Trasladábase só e, tras tres meses nese país, aquilo non o convencía. E así llo comunicaba por teléfono á súa muller quen ao ver que a realidade en Arxentina ía a peor, aconselláballe que antes de regresar visitase a súa familia en Toral de los Vados, xa que igual despois non podía regresar a Europa. E así o facía. Alí, recibía a chamada dun compañeiro oftalmólogo quen lle pedía que, se estaba cerca, se pasase polo Hospital Comarcal de Valdeorras, que andaba buscando especialistas deste tipo, para informarme sobre ese posto. Comprobou que a localidade estaba próxima e viaxou ata O Barco. Corría o mes de outubro de 1989. “Nevara e a localidade era unha postal”, lembraba.
Entraba no hospital, daquela dirixido polo doutor Orlando Saavedra, que nese momento estaba de viaxe e recibíao a doutora Nieves Martínez, “pediatra, e dende entón, amiga. Confirmoume a oferta” e, ademais, dicíalle “se coñeces outros médicos que queiran vir, necesitamos un pediatra, no posible que faga neonatoloxía. Mireina sorprendido e díxenlle: pediatra son eu e son neonatólogo, pero nunha semana volvo a Bos Aires, xa teño o billete de avión“. Pero ela insistía e pedíalle que o pensase. “E aquí estou eu. O que nun principio era transitorio, para un ou dous anos, converteuse en décadas, con alegrías e tristezas, como ten a vida mesma”.

Un tempo no que os seus fillos se converteron tamén en barquenses, no que viviu situacións complexas no persoal e mesmo no económico, pero das que lograron saír adiante grazas ao apoio da xente, “que me tendeu as mans nos momentos difíciles e alegrouse dos nosos logros. Os comezos no foron fáciles, as migracións non sempre o son, pero os catro xuntos, a miña esposa e os meus dous fillos, cmo espigas que se dobran pero non rompen, seguimos adiante, nas boas e nas malas”. Unha familia que medraba con dous netiños: Valentina e Nicolás, nacidos xa en España.
Ademais reflexionaba sobre o que significa e as dificultades que entraña emigrar, migrar ou inmigrar. “As migracións foron, son e serán o refuxio de moita xente, dos meus avós, da miña propia familia e de tantas persoas que buscan noutras terras unha vida mellor. Non nos esquezamos de tantos galegos que tiveron que emigrar”.
O doutor Marini remataba a súa intervención do mesmo xeito que iniciaba, enfiando agradecementos “a todas e cada unha das persoas que estiveron ao noso lado dende a nosa chegada, apoiándonos nos momentos difíciles, a todos e cada un a aperta máis forte e sinceira”; tamén “aos meus compañeiros de traballo, a todos sen excepción, cos que compartín no noso querido hospital tantas horas de angustia e felicidade; naquela sala de partos, comendo anacos de pan de madrugada, esperando o nacemento dun neno, na planta de pediatría, na consulta e en urxencias, vivindo situacións difíciles e momentos de alegría cando podiamos resolver con éxito os problemas que se nos presentaban”.
E tampouco se esquecía dos nenos que ao longo destas teñen pasado pola súa consulta, algúns dos cales hoxe son compañeiros de profesión. “Os meus pacientiños alégranme a vida día a día, para aqueles nenos que medraron e hoxe son homes e mulleres, o agarimo máis inmenso do mundo. Para os seus pais que confían na saúde dos seus fillos, mil grazas por facerme sentir útil, pola confianza depositada. Seguirei con vostedes ao pé do canón, mentres o meu cerebro mo permita”.
E, finalmente, o pregoeiro facía un chamamento á celebración do Cristo. “Vivamos estas festas con alegría, xuntos, a xente nacida nesta terra, os que fomos inmigrantes, e os que o son actualmente. Sexamos empáticos, bos como sempre, intentemos facer felices aos demais, recordando constantemente que nós os imigrantes debemos ser respectuosos, agradecidos, devolvendo o que esta terra de acollida nos ofrece para vivir unha nova etapa nas nosas vidas”.

Ao rematar o seu pregón, visiblemente emocionado, subíanse ao escenario o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, para facerlle entrega de dous agasallos: unha pintura da artista barquense Lola Doporto e un bonsai.
Despois o rexedor barquense tomaba a palabra para agradecer e resaltar o emotivo e significativo deste pregón e, xa como broche final, a pé de praza tiña lugar o chupinazo que abre as Festas do Cristo 2026 no Barco.
Fotos e vídeos: A.R.


