SanidadeÚltima hora

Pacientes de Psicoloxía piden que se recupere este servizo no Hospital do Barco ou que se lles derive na área sanitaria

Dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco explican que nestes momentos hai unha carencia de profesionais desta especialidade en toda a área e que se traballa nun plan especial de intervención para darlle resposta aos pacientes

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

Dende o mes de abril non se realizan consultas de Psicoloxía no Hospital Público de Valdeorras, no Barco. Así o aseguran pacientes deste servizo. Enterábanse da falta de psicólogo a través dunha chamada telefónica, na que se lles comunicaba que quedaba cancelaba a cita que tieñan prevista e, dende entón, aseguran, non volveron ter ningunha información ao respecto nin se lles derivou a outro servizos dentro da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.

“Cinco meses despois, como pacientes pedimos unha solución ou ben que se volva contar cun psicólogo no hospital ou ben que se nos derive ao servizo de Ourense ou de Verín, xa que agora mesmo a nosa única alternativa é acudir a unha consulta privada para a que, mesmo nalgúns casos, temos que desprazarnos. Por iso pedimos que se nos dea unha alternativa”, indican estes pacientes.

Dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco indícase que nestes momentos existe unha carencia de psicólogos clínicos no conxunto da área. No Distrito Sanitario do Barco hai dúas prazas vacantes de psicólogos clínicos, unha no Hospital Público de Valdeorras e outra no Centro de Saúde do Barco. Segundo a área sanitaria ourensá, esas prazas convocáronse e intentáronse cubrir, pero non se logrou facelo por falta de profesionais, e mesmo se contactou coa Sociedade Española de Psicoloxía Clínica. Para tratar de facer fronte a esta situación, a Xerencia da área traballa agora nun plan especial de intervención para darlle cobertura e unha resposta á necesidade destes pacientes.

Back to top button