CulturaCulturaÚltima horaVídeos

O filólogo e escritor Rafa Vilar, gañador do VIII Premio de Poesía FDG co poema “O traballo e os días”

Na gala, celebrada no Teatro Lauro Olmo do Barco, rendíase homenaxe a Xesús Alonso Montero, falecido en febreiro deste ano

 

Co poema O traballo e os días, recoñecido polo xurado como o mellor dos preto de setenta presentados ao concurso facíase Rafa Vilar (Cee, 1968), filólogo, escritor e activista cultural, co VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, galardón convocado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán co apoio da Deputación de Ourense dotado con 3.000 euros que era desvelado na gala poética celebrada na tardiña deste sábado 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. Nese mesmo escenario recoñecíase o poema Rosas de Saraievo, de Fran Fernández Davila (Vigo, 1974), que recibiu un segundo premio de 500 euros; e Un frío, de Naila González (Sarria, 2003), que quedou en terceiro lugar cun premio de 300 euros.

 

 

A sétima edición do Premio, como lembrou durante a gala a xerente da Fundación FDG, Débora Álvarez Moldes, chegaba este ano con varias novidades. Unha delas, segundo as bases, era que cada autor ou autora podía presentar un único poema. “Esta decisión fundamentouse na importancia de recoñecer, máis que un poema, unha voz poética”, algo que tivo en conta o xurado deste ano integrado pola creadora Lúa Mosquetera, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, a poeta e actriz Fátima Delgado, o docente e escritor Raúl Gómez Pato, e a música e dramaturga Sara Faro. Raúl, Fátima e Sara mandaron unha mensaxe en vídeo proxectada durante a gala. En canto á poesía, tanto Naila González como o gañador, Rafa Vilar, leron os seus poemas sobre o escenario, mentres Fran Fernández Davila facíao a través tamén dun vídeo, xa que se atopa nunha residencia literaria en Irlanda, tal como explicaron na gala.

 

 

Á emoción dos versos dos poetas finalistas sumouse nesta ocasión forza da voz da barquense Nerea Jiménez (AMaVA) quen puxo a nota musical a un evento que tamén innovou na súa apertura, coa presenza no escenario de autora do cartel desta edición, Clara Quiroga, quen expón esta fin de semana parte da súa obra na praza César Conti, na Rúa Vella. A artista valdeorresa era a encargada de abrir o acto lendo o poema de Florencio Delgado Gurriarán O Trebón, no cal se inspirara para crear o cartel. “Ese poema forma parte do Cancioneiro da Loita Galega, un poemario con obras de poetas exiliados co que Xesús Alonso Montero recuperou os versos de Florencio para a literatura galega a finais do século pasado, introducíndoo nos estudos universitarios”, explican dende a Fundación FDG. De aí que o profesor Montero, falecido en febreiro deste 2026 en Vigo, recibira tamén unha merecida homenaxe durante a gala, cunha imaxe súa sorrindo no día das Letras Galegas de 2022 en Córgomo enchendo a escena, mentres Nerea Jiménez interpretaba ao piano a canción Lela. Débora Álvarez destacou nesta homenaxe que “o profesor Montero foi un dos impulsores de que nós esteamos aquí hoxe coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán e foi e será sempre o noso presidente honorario”.

 

 

Durante a gala tamén era presentada a convivencia escolar que o xoves e venres da vindeira semana reunirá en Fontei (A Rúa), a máis de douscentos nenos e nenas de toda a comarca. “Nela, a través do xogo e do encontro, a rapazada poderá descubrir a vida e obra de dous escritores valdeorreses, Florencio Delgado Gurriarán e Corona González Estévez”, explicaron, a través dun xogo no que participaban varios cativos e propio público, adiantando que a actividade estará coordinada pola Asociación Cultural Nadel. Unha das súas integrantes, Iria Vila, formou parte da gala, entregando un dos premios xunto con Ramón Teira, presidente da Asociación de Música Alternativa de Valdeorras (AMaVA). O resto dos premios foron entregados por Teresa Pérez e Elva Delgado, membros do padroado da Fundación, por Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, e Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras.

Na gala tampouco faltaba a mensaxe enviada dende México das tres fillas de Florencio Delgado Gurriarán.

 

 

Vermú poético en Petín o domingo 20

A gala do Premio de Poesía é cada ano un dos momentos especiais da actividade da Fundación FDG e por iso, a celebración continúa mañá domingo 20 de setembro ás 13 horas cun vermú poético na praza Doutor Quiroga, de Petín.

 

 

A cita, de carácter festivo, inclúe a actuación do grupo musical valdeorrés La Mano. Integrada entre outros por Roberto Fernández, responsable do festival Oule-Go!, é unha formación de recente creación dentro de AMaVA que agrupa a músicos valdeorreses e coa que a Fundación Florencio Delgado Gurriarán intensifica a súa colaboración.

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver

Back to top button